AMAL atravesa o país a pé para denunciar as agresións medioambientais, dende Portugal até o Cantábrico, do 14 ao 29 de setembro.
Logotipo de AMAL
Comezaron polo sur: saíron na fin de semana do 14 e 15, dende a adega do independentista falecido Antón Bértolo Losada, e percorreron a Paradanta, e ao día seguinte, a do Suído. Xa o 18 e 19, acometeron Faro e Farelo, no corazón do país, e a fin de semana pasada, do 22 e 23, o Careón e a Cova da Serpe.
Aínda estamos a tempo de sumármonos a este proxecto nos próximos días, xa que esta quinta e sexta, 27 e 28, percorrerán a Serra da Loba, comezando no Centro de Interpretación das Fragas do Eume (na estrada ao Mosteiro de Caaveiro), pasando polo muíño de batán no Val do Xestoso, e durmindo no camping de Monfero. A Asociación Cultural e Medioambiental O Abordelo colabora neste roteiro. E para rematar, o sábado 29 de setembro, percorrerán a Faladoira, saíndo dende As Pontes até o estremo máis ao norte do país, no cabo de Estaca de Bares.
Sentir a terra para recuperármola
A Agrupaçom de Montanha Augas Limpas (AMAL) toma o seu nome dun campamento do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) nos Montes do Invernadoiro, en Maceda. Promoven a defensa da terra, entendida como "sentir, respectar, gozar e identificarse co noso país, o seu pobo e a súa cultura (...), defendermos o dereito das galegas e galegos a vivirmos dignamente no noso territorio, sen inxerencias nin dependencias de fóra".
Fronte ao individualismo e o consumismo, o espolio dos recursos naturais, económicos e culturais, promoven como alternativas de lecer marchas e campamentos de montaña, para a conciencia e denuncia das agresións sobre o territorio.
As súas actividades desenvólvense exclusivamente en territorio galego. Planifícanas trimestralmente, e fan unha xuntanza polo menos cada mes para decidiren. Calquera persoa que comparta os seus principios e desexe participar activamente pode facelo. Funcionan de xeito asembleario, e se nunha zona do territorio hai máis de tres persoas asociadas, poden desenvolver as actividades na súa área xeográfica.