A Xunta fixou como obxectivo económico a equiparación co Estado e con Europa nun prazo non superior a dez anos. Resulta razoábel esa perspectiva?, pregúntase Xoán López Facal.
A mudanza política en San Caetano saldouse coa substitución dun Fraga declinante por un goberno de convivencia. Dun punto de vista económico, o principal desafío que defronta o novo executivo consiste en aproximarnos aos estándares europeos de benestar mediante o crecemento económico e a modernización das institucións. O prerrequisto para o éxito desta tarefa é a preservación da necesaria estabilidade institucional. Afortunadamente, a oposición vén colaborando en forma tan desinteresada como eficaz a este fin coa exhibición pública da súa incapacidade para negociar unha reforma estatutaria concorde co estatus político de Galiza e un desinhibido desdén polo noso signo identificativo primordial: o idioma propio. Reducir as aspiracións da sociedade galega á marcha dos negocios e dos servizos públicos descualifica de raíz a calquera aspirante á xestión da res publica galega. Tamén desvela unha inquietante falta de cultura económica: o menosprezo por un activo tan valioso como a marca de país. ¿Acaso ten menos valor que o logo do Xacobeo?
Non son difíciles de identificar as tarefas centrais do novo executivo. Limitándonos ao ámbito socioeconómico, tres delas teñen carácter ineludíbel.
- Revitalización demográfica, aumento da natalidade e reversión da dinámica de concentración demográfica na fachada atlántica. A poboación galega ficou estancada nos últimos anos nos 2,76 millóns de habitantes, con significativas caídas nas provincias de Lugo e Ourense. Durante o decenio 1995-2005 Galiza incrementou a súa poboación na exigua cifra de 21 628 habitantes, e iso grazas á modesta inmigración recibida. Actualmente viven en Galiza 74 000 inmigrantes (2,7 por cento da nosa poboación), contra 4,14 millóns en España (9,3 por cento dos 44,71 millóns de españois actualmente censados).
- Impulso ao desenvolvemento económico, a fin de consolidar unha dinámica de crecemento que nos permita alcanzar os estándares medios de benestar en España e Europa. No decenio 1995-2005 o ritmo de crecemento da nosa economía non superou o 2,9 por cento anual, contra o 3,5 por cento alcanzado pola española.
- Implementación dunha normativa rigorosa de protección do medio. Unha problemática tan ampla como a proliferación de actuacións depredadoras dese ben público que é o espazo: ocupación e contaminación de ríos e rías, urbanismo caótico en zonas periurbanas, acumulación de residuos, edificación masiva na costa con destrución de praias e areais, destrución de aldeas e camiños. Galiza conta con 30.000 núcleos de poboación (29.964), case a metade dos existentes en toda España (48,9 por cento). Un dato a revisar visto o frenético movemento de abandono de aldeas en favor de residencias espalladas ao chou sen máis lei nin norma que a famosa "ti vai facendo".
Un camiño cara á irrelevancia. Lembremos que no decenio de referencia, 1995-2005, Galiza retrocedía na súa contribución ao produto español (do 5,37 por cento ao 5,07 por cento) e do 6,83 por cento ao 6,26 por cento no seu peso demográfico. O noso abatemento demográfico permitíanos, ironicamente, escalar posicións en produto per cápita, neste decenio: do 79,1 por cento da media española até o 80,9 por cento do 2005.
Interesa contextualizar a nosa dinámica económica. Non podemos por menos de envexar o caso de Murcia, que conseguía alcanzarnos en produto per cápita (18000 euros/habitante no 2006 en ambas comunidades) mediante un vigoroso proceso de crecemento económico e demográfico. O gráfico nº1, expresado en taxas de crecemento anual durante o período 1995-2005, é altamente elocuente.
Inflexión económica
Con todo, non hai razóns para o desánimo. Formamos parte dunha das economías máis dinámicas de Europa e o noso país emite signos inequívocos xa de estar experimentando unha inflexión económica de índole secular. Novos factores contribúen a este cambio de rumbo, nomeadamente a liquidación dos excedentes agrarios e a potenciación da nosa centralidade debido á expansión do mercado galaico-portugués. O dinamismo actual da industria galega e a súa crecente aptitude exportadora son signos inequívocos.
Galiza crece. O noso PIB do 2006 (52.000 millóns de euros, 18.700 euros/habitante) resultaba dunha excelente taxa de crecemento do 4,1 por cento (España, 3,9 por cento). Esta taxa comportou a creación de 34.000 novos empregos no 2006, o 3 por cento dos 1.164 millares de ocupados na actualidade.
Non resulta difícil deducir que cada punto porcentual de crecemento no PIB (520 millóns de euros) arrastra un crecemento do 0,7 por cento na masa de ocupados (8.000 empregos). Necesitamos crecer para crear emprego e incrementar este para reanimar a nosa declinante demografía e reverter o noso camiño cara á irrelevancia.
Crecer concíbese hoxe en termos de capacidade para competir nos mercados a partir dunha produtividade laboral elevada e un aparello produtivo eficiente. Os procedementos de ingreso neste círculo virtuoso son obxecto de polémica académica pero pasan sen dúbida por garantir un ritmo adecuado de innovación en procesos e produtos e por mellorar a cualificación laboral. É así como topamos coa sociedade do coñecemento e coas actividades I+D+i.
A reorientación da nosa estratexia de crecemento cara actividades de investigación (conversión de euros en coñecementos) e innovación (conversión de coñecementos en euros) acumula atrasos. Os sucesivos gobernos Fraga concentraron o esforzo investidor na promoción das obras públicas -executábeis, visíbeis, fotografábeis- tan imprescindíbeis como limitadas na súa capacidade para fomentar o crecemento económico.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)