Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Plan de fomento do alugueiro

O prezo do alugueiro subiu un 20% dende o último plan de axudas directas

Vivenda alerta de que o plan anunciado por Zapatero pode ter un efecto inflacionista -como sucedeu coa extinguida Bolsa de Alugueiro- se non se estabelecen mecanismos de control.

Redacción - 19:15 19/09/2007

A conselleira de Vivenda e Solo, a nacionalista Teresa Táboas, amosou a súa confianza en que as medidas anunciadas polo goberno español inclúan os adecuados mecanismos de control para evitar que se incremente o prezo do alugueiro en Galiza, como xa sucedeu con medidas similares.

En declaracións á Radio Galega, Táboas dixo descoñecer como vai ser executada e como encaixará co programa posto en marcha pola consellería e coa aplicación do Plan de Vivenda 2005-2008.

Neste senso, explicou que o pasado xoves houbo unha reunión entre a ministra de Vivenda e os seus homólogos das comunidades autónomas, onde non houbo ningunha explicación das medidas agora anunciadas, malia que Galiza ten transferidas as competencias nesta materia dende 1982.

Táboas salientou a aposta decidida da consellaría polo alugueiro mais, a espera de coñecer os pormenores das medidas do Ministerio, amosou as súas reservas sobre a concesión de axudas directas a fondo perdido "porque poden xerar un efecto inflacionista, senón se establecen cos necesarios mecanismos de control".

Así, lembrou que Galiza coñece os problemas deste tipo de medidas, que no pasado provocaron un incremento do prezo do alugueiro do 20% nas grandes cidades a través da concesión de axudas públicas directas ao inquilino sen mecanismos de control, como sucedía coa extinguida Bolsa de Alugueiro e agora logrouse reducir até o 2,8%.

Diferenzas entre o plan da Xunta e o estatal

O Programa de Vivenda en Alugueiro da Xunta, que entrou en vigor en febreiro de 2006, financia 3.200 familias con ingresos non superiores a 1.200 euros mensuais e que, segundo informan dende Vivenda, conta con rigorosas medidas de control para evitar a suba dos prezos.

En concreto, as axudas directas contemplan até 240 euros mensuais en función da renda durante un máximo de cinco anos, polos 210 en catro anos anunciados polo goberno español. A idade máxima no caso destas axudas é de 35 anos, por 30 da nova medida estatal.

Ademais, o plan galego de fomento de alugueiro esixe que o prezo máximo mensual das vivendas que entran no programa sexa de 450 euros e que leven baleiras seis meses co fin de mobilizar a vivenda desocupada.

Tampouco teñen que subscribir un aval, xa que é a consellería quen asume ese custe fronte ao propietario, mentres que o plan estatal prevé un préstamo de até 600 euros para este fin.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: