Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ESTÁ NA ONDA O BIPARTITO?

Tensión democrática e poder político

Justo Beramendi analiza e valora a pulsión democrática do goberno de coalición. Malia aos avances respecto da etapa fraguista, advirte da existencia de restos aínda non superados.

TEMPOS Novos - 11:07 19/09/2007

Unha das grandes eivas que moitos apoñiamos ó réxime fraguiano que gobernou Galicia durante dezaseis anos foi a progresiva deturpación da democracia, consecuencia das súas políticas. E unha das grandes esperanzas, e das grandes xustificacións, que acompañaban a perspectiva da súa substitución por un goberno alternativo era precisamente que traería consigo unha rexeneración da democracia galega.

Pasaron dous anos dende que se produciu esa alternativa en forma de goberno de coalición PSdeG-BNG, a única posible. Non é mal momento para medirmos en que grao se vai cumprindo esa previsión. Para iso nada mellor que lembrarmos as principais críticas que se lles facían ós gobernos anteriores neste eido e ver que vén pasando Ultimamente en cada caso.

Empecemos polo clientelismo político, vulgo caciquismo, que ten varias manifestacións. Nas zonas non urbanas, o seu instrumento fundamental foi sempre o binomio Deputación Provincial-Concello, coa inestimable axuda dalgunhas Consellerías, nomeadamente a de Ordenación Territorio pola súa maior capacidade investidora. O uso partidista dos cuantiosos recursos públicos deses entes permitiu, como é ben sabido, premiar os fieis e castigar os desafectos mediante a concesión discriminatoria de subvencións e investimentos, o acceso preferente de amigos e familiares ás contratas e ós empregos públicos e o enriquecemento ilícito vía a corrupción urbanística. Dado que as forzas do bipartito non controlaban ata hai pouco máis que unha Deputación, a da Coruña, e só recentemente accederon á de Lugo, esta situación continúa en boa parte de Galicia co mesmo responsable de sempre. Pero a comparación entre aquela provincia e as de Ourense e Pontevedra indica que, con independencia de que en todo rabaño hai sempre algunhas ovellas negras, existe unha notable diferenza de grao entre ambos conxuntos. Socialistas e nacionalistas, xuntos ou por separado, exercen o poder dun modo que, de estenderse, implicaría un drástico retroceso do caciquismo obsceno dos seus rivais nestes ámbitos.

En todo caso, aquí hai un problema estrutural, que non afecta só á cuestión do clientelismo e da corrupción senón á propia funcionalidade do sistema político. Ese problema é a existencia mesma das deputacións provinciais cos seus actuais niveis de competencias e dotación económica, así como coa súa excesiva autonomía respecto dun poder autonómico que, coas leis na man, pouco pode facer para corrixir as posibles desviacións daquelas. O modo que tivo ata agora o bipartito de abordar o problema foi, na miña opinión, excesivamente tímido e ineficaz, entre outras cousas porque non hai acordo entre os socios sobre a solución de fondo. Mentres o BNG avoga, como fixo sempre o nacionalismo galego, pola supresión das deputacións, o PSdeG prefire reformalas. E naqueles sectores socialistas directamente interesados en manterse no poder provincial que xa teñen, nin sequera iso, como demostra a oposición de Salvador Fernández Moreda ó proxecto gobernamental das áreas metropolitanas, unha vía lateral de erosionar as deputacións e tamén de mellorar servizos básicos. Tampouco se observa no bipartito unha vontade clara de formular en serio, e resolver a medio prazo, o outro gran problema da Administración local en Galicia: a concentración de municipios rurais con moi escasa poboación. Problema que, de resolverse, contribuiría tamén a socavar as bases reais do caciquismo máis reseso do país.

Transparencia e o control parlamentario

Clientelismo e uso indebido dos recursos públicos son inseparables. E nisto último si hai, a escala autonómica, unha mellora palpable de momento. A autoimposición da publicidade e da transparencia en convenios, subvencións e ingresos dos cargos públicos demostran unha vontade de erradicar vellos vicios e instaurar unha administración con parámetros de honestidade e racionalidade, se non perfectos, polo menos máis acordes cos principios básicos dunha democracia sa. Porén, non faltan pequenos fallos como a creación de certas fundacións de dubidosa necesidade e a colocación, nestas ou noutras entidades, de persoas adeptas sen pasar polo concurso público. Mais a escala destas prácticas non é polo de agora grande de abondo para anular o impulso global na dirección correcta.

Tamén hai un avance claro noutro aspecto fundamental para o bo funcionamento da democracia: o papel do Parlamento como instrumento de control do executivo. A negativa de Manuel Fraga a render contas cada pouco perante a Cámara e a aplicación dun regulamento que dificultaba o labor da oposición pasaron a mellor vida. Hoxe temos un Parlamento máis vivo e máis efectivo. Non obstante, tamén nesta plana caeu algún que outro borrón. Por exemplo, a negativa de PSddG e BNG a crear unha comisión de investigación sobre a tráxica vaga de incendios do verán pasado. Decisión pouco intelixente que agasallou innecesariamente ó PP cunha munición política que non merecía. Pero máis importante é neste eido que en dous anos o bipartito non avanzara no cambio do regulamento da cámara da época de Fraga.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: