No entanto sinala que o alcance desta crise nas economías mundiais dependerá da profundidade e duración das perturbacións xeradas EUA.
O gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez
O gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, afirmou este martes que a exposición das entidades europeas ante as hipotecas de alto risco é "completamente marxinal" tanto directa como indirectamente, e salientou a situación de "fortaleza" coa que enfrontan os bancos españois o actual episodio de turbulencias.
"O peso dos activos vinculados ás hipotecas de alto risco nos balances das entidades é completamente marxinal, como o é tamén a exposición indirecta a través de eventuais liñas de crédito comprometidas con outros intermediario financeiros que si puideron contar con tales activos", afirmou Fernández Ordóñez durante a súa intervención na Comisión de Economía e Facenda do Congreso dos Deputados de Madrid.
Fernández Ordóñez destacou a "posición de fortaleza" dos bancos españois, fundamentada nos seus "elevados niveis de rendibilidade, confortábeis niveis de solvencia e unha ampla cobertura dos créditos dubidosos acumulados ao longo da etapa de bonanza".
Incremento xeralizado da incerteza
Porén, recoñeceu que a crise podería chegar a afectar aos estados da zona euro se se prolonga demasiado no tempo e afecta á confianza dos investidores. O gobernador admitiu que a turbulencia financeira internacional incrementou, "como en todas partes", a incerteza sobre as perspectivas de crecemento da economía do Estado.
Ordóñez recoñeceu que se EUA entrase en recesión poderíase producir un cambio significativo nas economías mundiais. Por iso, deixou claro que o alcance desta crise nas economías mundiais dependerá da profundidade e duración das perturbacións xeradas no país norteamericano.