Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
TIVERON QUE CONVENCER A ICANN DA EXISTENCIA DO PAÍS

O milagre económico do 'punto tk'

A riqueza do arquipélago Toquelau medra un 10% pola venda de direccións de internet. Serbia e Montenegro, Corea do Norte e o Sáhara aínda non teñen o seu identificador

Redacción - 10:40 18/09/2007
Logo do Punto TK

Logo do Punto TK

O Produto Interior Bruto de Toquelau, un pequeno arquipélago do Pacífico, está a medrar un 10% gracias a venda dun produto que non se pode conseguir en ningún outro lugar do planeta: sitios web co dominio “.tk”.

Toquelau está formado por tres illas nas que viven unhas 1.500 persoas. Cómpre navegar tres días para desembarcar noutro lugar, o que limita en extremo o seu crecemento económico. Pero dende 2001 conta cunha innovadora alternativa, regalar dominios web (por exemplo, www.wikipedia.tk) a cambio de meter publicidade nas páxinas.

Un innovador plano de negocio
Trátase dunha iniciativa do holandés Joost Zuurbier, un home de negocios que logrou que a ICANN -o ente que controla os dominios de internet- aprobase o “.tk”. Zuurbier financiou a candidatura de Tokelau ante a ICANN, pero a cambio quedouse coa explotación do dominio.

Segundo informa a BBC, o éxito do seu plan de negocios é tal que os toquelaunos poden conectarse gratis a rede e empregar os últimos trebellos tecnolóxicos. Todo financiado por unha parte dos beneficios de Zuurbier, que son entregados ao goberno local. Iso si, ninguén sabe que parte dos ingresos do Punto TK van parar ao peto do emprendedor.

Sexa como for, o certo é que a Zuurbier non lle foi fácil lograr a luz verde da ICANN. Ata catro anos de negociacións necesitou porque, entre outras razóns, “non crían que as illas fosen reais”. “Aprobaron o dominio gracias a que un directivo da ICANN estivera en Toquelau no 1978”, declarou o empresario á BBC.

Dominios libres
Despois da aprobación do “.tk” só quedan tres dominios de dúas letras (como “.es” ou “pt”) sen adxudicar. Son o “.eh” -polo que loitan Marrocos e a República Árabe Democrática Saharauí-, o “.kp” -que está a tramitar Corea do Norte- e o “.cs” -reservado para Serbia e Montenegro, que sigue empregando o “.yu” da antiga Iugoslavia.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: