Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Do 17 ao 20 de setembro

Un curso de verán aborda a tradución editorial

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolle o curso de Extensión Universitaria Tradución editorial. Calidade e xestión de proxectos.

Redacción - 10:16 16/09/2007

Estrutúrase en catro xornadas de 32 horas lectivas. Conferencias, mesas redondas e sesións abertas de debate sobre a edición dos textos traducidos compleméntanse cunhas prácticas dirixidas polas profesoras especializadas Patricia Buján e Liliana Valado, directora do curso, que simularán o proceso de edición dun texto traducido.

O carácter práctico é o máis salientábel do curso: realizaranse tamén visitas obradoiro a Edicións Xerais de Galicia (o martes e o mércores de 12.00 a 14.00 horas), que cedeu os seus espazos de traballo de xeito altruísta para que o alumnado poida coñecer in situ como se desenvolve en tempo real o traballo editorial.

O programa

A delegada provincial de Cultura, María Xesús López Escudero, inaugurará o curso o luns ás 9.30 horas, no salón de actos da facultade, e dará paso á primeira intervención da xornada: a do escritor e subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte, Francisco Fernández Naval, A Xunta de Galicia como editora dinamizadora da tradución. Ás 11.45 horas, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia fará unha Panorámica da tradución no sector; e para rematar a sesión, Carlos Lema, director de edicións da editorial Galaxia tratará da Importación e exportación dos textos literarios.

O martes a xornada trasládase ao Centro Cultural Caixanova. Alí, o director de Rinoceronte Editora, Moisés Rodríguez Barcia, falará sobre Traducir e editar en Galicia. Tamén neste centro falará o mércores a escritora galega Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco, sobre O Proceso de configuración dun corpus de literatura traducida.

Por último, o xoves o curso volve ao salón de actos: intervirán os tradutores e lingüistas galegos Benxamín Dosil e Xesús Riveiro Costa, e o bibliólogo e lexicógrafo José Martínez de Sousa.

As xornadas rematarán cunha mesa redonda, e coa clausura oficial a cargo da vicerreitora de Extensión Cultural, Carmen Cabeza Pereiro, e a Directora do Departamento de Tradución da Universidade de Vigo, Susana Cruces Colado. O curso superou as 60 prazas ofertadas.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: