Será a duodécima proba da BG Copa do Mundo de triatlón, co mesmo percorrido polo que descorrerá esta proba nos Xogos Olímpicos de 2008.
Un anticipo olímpico agarda esta fin de semana, o sábado 15 e o domingo 16, aos nomes máis grandes do triatlón que viaxan até Pequín para a 12º parada das series da Copa do Mundo de triatlón BG, o test oficial para os Xogos Olímpicos de 2008.
Para moitos dos atletas, o principal obxectivo é gañar un posto propio nos seus respectivos equipos olímpicos. A competición vai ser dura e moitos países van empregar esta proba para seleccionar os seus triatletas olímpicos. A presión vai ser tremenda, sobre todo para os atletas de Estados Unidos, Alemaña, Gran Bretaña, Nova Celandia e Canadá que compiten polas prazas olímpicas dos seus países.
Dúas semanas após os Campionatos do Mundo de Triatlón BG, en Hamburgo, outra chea de estrelas nas categorías masculina e feminina, representando a 38 diferentes países, van estar en Pequín.
O novo campión do mundo, Daniel Unger, tentará conseguir outra vitoria, mais terá que loitar co francés Frederic Belaubre, que fixo súa a proba de Pequín nos últimos dous anos, conseguindo a prata en 2005 e gañando en 2006.
O número un do mundo, o ferrolán Xabier Gómez Noya, que estivo ben preto de conseguir o seu primeiro título mundial a semana pasada en Hamburgo, vai tentar tamén redimirse cun triunfo no percorrido olímpico. Tamén Raña e Pilar Hidalgo loitarán por se facer un sitio de seu entre os mellores triatletas do mundo.
O percorrido
Os participantes deberán lanzarse dunha ponte e nadar, sen traxe de neopreno, unha volta no embalse de Chang Ping. A distancia á primeira boia é de 525 metros. Despois os atletas darán seis voltas en bicicleta de 6,6 quilómetros cada unha sobre o circuíto montañoso e técnico, e despois, outras catro de 2,5 quilómetros correndo.
E mentres, en Galiza...
... celébrase o Campionato Estatal de triatlón nas categorías cadete e júnior.
Organizado polo Club de Triatlón Ferrol, a Federación Galega de Triatlón e o Patronato Municipal de Deportes de Ferrol, o Campionato de España cadete e júnior vaise celebrar o sábado no barrio de Caranza. Nel participarán 241 triatletas de todo o Estado que nadarán na praia de Caranza, pedalerán pola Avenida do Mar e as Pías, e correrán polo paseo marítimo.