Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CONSELLARÍA SOLICITÁRALLO A 109

Só sete concellos ofreceron chan para vivenda protexida

A conselleira Teresa Táboas láiase da falta de solo residencial nos municipios para vivenda protexida, debido "a monetarización do solo".

Redacción - 12:41 13/09/2007
A conselleira nunha pasada comparecencia no Parlamento

A conselleira nunha pasada comparecencia no Parlamento

A conselleira de Vivenda e Solo, a nacionalista Teresa Táboas, explicou esta cuarta feira no Parlamento as medidas promovidas polo departamento que dirixe para obter solo residencial destinado á construción de vivenda protexida, "a materia prima imprescindíbel para construírmos vivenda a prezo taxado", segundo afirmou.

Táboas laiouse da falta de solo residencial para a construción de vivenda protexida nos concellos, debido "a monetarización do solo", é dicir, debido a que os terreos que os promotores teñen que ceder ao patrimonio municipal son vendidos polos gobernos para conseguir cartos. Neste senso, a conselleira informou de que "nos últimos meses enviamos 109 cartas a outros tantos concellos solicitando cesión de solo para construír vivendas para mozos e maiores e tan só contestaron 7 porque non teñen solo".

Co fin de solventar este problema, o departamento de Vivenda introduciu na nova Lei do Solo a obrigatoriedade de que os concellos destinen a metade do seu patrimonio municipal de solo, cedido polos promotores, a vivenda protexida "en troques de vendelo como sucede agora, deixando aos residentes sen a posibilidade de acceder a unha vivenda de prezo taxado", subliñou Táboas.

Ademais, entre outras medidas, a consellaría promoveu que a reserva de solo para vivenda protexida, pase do 20% ao 40% en todos os concellos de máis de 20.000 habitantes; tamén, a obrigatoriedade de que a vivenda protexida se constrúa ao mesmo tempo ca vivenda libre; e que o 5% do aproveitamento non lucrativo de todos os solos de novo desenvolvemento sexa cedida á Administración, medidas non recollidas na Lei do Solo de 2002, segundo informou Teresa Táboas no Parlamento.

Interpelación do PPdeG
A portavoz de Vivenda do PPdeG, Pilar Rojo, criticou a política do bipartito e lamentou que o único logro deste Goberno sexa "converter Galiza nunha das comunidades con máis incremento do prezo da vivenda". Ademais, argumentou que a falta de resposta dos concellos é debida á que "non se fían" do departamento que dirixe Teresa Táboas, xa que dende Vivenda se ataca a autonomía local, se lles di onde teñen que construír e non se lles informa do contido dos plans.

Táboas retrucoulle que "non se resolve o acceso a unha vivenda con ocorrencias de última hora, senón con propostas serias e planificadas que incidan no cerne do problema: neste caso a carestía da vivenda, motivada sobre todo polo prezo especulativo do solo, e agora agravada polas variacións alcistas do prezo do diñeiro".

Neste senso a conselleira nacionalista salientou que "a carestía do prezo da vivenda non se cingue ao ano 2006", e explicou que entre 1995 e 2005 o prezo do metro cadrado pasou de 578 euros aos 1.100 euros, o que significa un incremento do 90%.


0/5 (0 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: