O comité de expertos analizou coa Xunta e co observatorio impulsado pola Mesa o cumprimento da Carta Europea das Linguas no país.
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, recibiron a expertos do Consello de Europa que vela polo cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Na entrevista explicáronlle os pasos dados polo Goberno a prol da normalización lingüística. Segundo explicaron dende a Xunta, o comité europeo interesouse polo deseño da Comisión Interdepartamental da Xunta que traballa para a normalización da administración autonómica.
Outro dos temas abordados foi o dos Certificados de Lingua Galega (Celga). Marisol López informou á comisión sobre o novo sistema para a aprendizaxe da nosa lingua que se adapata así ao modelo que recomenda o marco comunitario.
A conselleira Laura Sánchez Piñón tamén aproveitou para presentarlle aos expertos europeos o novo decreto de galeguización do ensino. A nova norma, que entra en vigor este mesmo curso, marca que un mínimo do 50% das materias na nosa lingua en todo o ensino universitario. O decreto busca evitar a forte desgaleguización que sufriu o ensino nos últimos anos.
Encontro coa Mesa
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, que promove A Mesa,tamén se reuniu esta terza feira co comité de expertos. O comité vai propoñer unha serie de medidas para conseguir que o sistema educativo de Galiza sexa “esencialmente en galego”, como marca o tratado.
O comité, formado pola croata Vesna Crnić-Grotić , vicepresidenta, e mais os delegados Alberto López Basaguren, de Euskadi, e Dieter Kolonovits, de Austria, mostrou interese en coñecer unha perspectiva non institucional da situación da lingua para podela contrastar coa información que reciben das Administracións.
Por parte do observatorio estiveron Alba Nogueira, profesora de Dereito da USC; Xosé Henrique Costas, profesor de Filoloxía da Universidade de Vigo, e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que deron conta das vulneracións da Carta que se dan no país.
A xuntanza repetirase o xoves, e dentro dunhas semanas o observatorio achegaralle ao comité un relatorio sobre o nivel de cumprimento de cada un dos artigos do tratado en Galiza. No seu estudo, detectaron responsabilidades tanto da Xunta como do goberno español, o asturiano, o estremeño e o de Castela e León. Na parte positiva, loaron as galescolas promovidas por Vicepresidencia e consideraron que o novo decreto de promoción do galego no ensino aprobado pola consellaría de Educación vai “no camiño do cumprimento da Carta Europea”.
O Observatorio amosou tamén a súa preocupación pola situación dos falantes das comarcas de Eo-Navia en Asturias, O Bierzo e As Portelas en Castela e León e o Val de Ellas en Estremadura, onde “distan de se cumprir os mínimos elementais sinalados pola Carta”.