O presidente da compañía cre que Reganosa tamén vai ser necesaria polo previsíbel aumento do consumo.
O presidente do Consello de Administración de Enagas, Antonio Llardén, comprometeuse este luns co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a darlle máxima prioridade ao gasoduto central de Galiza. Llardén afirmou que a empresa vai presentar o proxecto de enxeñaría tan axiña como se aprobe o Plan Enerxético 2007-2017. Enagás quere apurar os trámites burocráticos para iniciar as obras en 2010 en concluílas antes de que remate 2013.
A infraestrutura vai ter 550 quilómetros de lonxitude e un custe que superará os 410 millóns de euros. A canalización conectará a planta de Reganosa con Madrid. Llardén asegurou diante dos xornalistas que Reganosa é precisa porque se estima un aumento de consumo. O presidente de Enagás explicou que o gasoduto vai servir para garantir o subministro de gas no Estado. Xa que de haber algún problema, Galiza podería recibir gas dende o centro do Estado e viceversa.