Mentres, o titular de Economía español, Pedro Solbes, admite que comeza a haber “incerteza”.
O globo inmobiliario comeza a desinflarse. Se hai xa tempo que moitos analistas anuncian a chegada dunha crise, agora incluso os propios profesionais do sector falan abertamente dela. Un exemplo ben explícito podémolo atopar na rede. A Inmobiliaria Barreras que traballa fundamentalmente en Madrid e no sur de Galiza analiza este mes, nun artigo moi interesante, a situación do mercado da vivenda no noso país.
A empresa recoñece abertamente que “a crise inmobiliaria chega a Galiza deixándose notar en que xa non é fácil vender aos prezos actuais”. Aínda que Inmobiliaria Barreras ten a súa principal actividade nos pisos de segunda man afirma rotundamente que “o volume de vendas de vivendas en Galiza baixou de xeito espectacular, tanto cando nos referimos a pisos de segunda man como a casas de obra nova”.
Futuro do mercado a curto prazo
Na análise insístese en que é moi previsíbel unha baixada de prezos no que resta de ano e que será especialmente intensa ao longo de 2008. O artigo non anda con voltas: “A explicación é tan obvia como fácil de manipular se non se quere ver só a punta do iceberg e non todo o bloque de xeo que semella ter conxelado o mercado inmobiliario, xa que a situación real é que nos prezos que vemos nos anuncios non se producen vendas”.
Solbes recoñece agora que hai “incerteza económica”
O vicepresidente do goberno español e titular de Economía, Pedro Solbes admitiu este venres na cadea Ser que “estamos nunha situación de incerteza e indefinición, que en economía é mala”. Solbes recoñecía que os últimos datos do paro non son bos. Asegurou que o goberno español traballa para buscar alteranativas á excesiva dependencia da construción, un sector que comeza a dar claras mostras de esgotamento.