O presidente Tabaré Vázquez inaugurou no río Uruguai unha terminal portuaria que empregará a pasteira Botnia diante dunha manifestación de asembleístas que se achegaron ao lugar en lanchas.
Ecoloxistas de Gualeguaychú con embarcacións marchan ata Nueva Palmira para protestar contra a inauguración do porto que utilizará a pasteira Botnia / Foto: TELAM
Mentres os berros chegaban dende a auga, o presidente de Uruguai, Tabaré Vázquez, inaugurou este mércores en Nueva Palmira, Colonia, a terminal portuaria que empregará a celulosa Botnia para exportar a súa futura produción. Con todo, a nova non foi o acto oficial senón o rexeitamento dos ecoloxistas da provincia arxentina de Entre Ríos e uruguaios tamén que se achegaron ao lugar en lanchas que cruzaron o río Uruguai.
Tabaré Vázquez puxo en marcha o que en Uruguai interpretan como "o punto de partida" do proxecto Botnia en Fray Bentos, que Arxentina rexeita pola súa condición de "contaminante", a súa localización nunha corrente de agua compartida polos dous países, e por ser construído sen ser acordado bilateralmente. A empresa española Ence e a finlandesa Botnia están construindo dúas plantas de pasta de papel en Uruguai, diante da beira da provincia de Entre Ríos.
O mandatario uruguaio asistiu ao acto acompañado por parte do seu gabinete e unha representación diplomática de Finlandia, mentres unha colorida e ruidosa protesta de asembleístas repudiaba a iniciativa.
Dende Uruguai, tanto o ministro de Transporte e Obras Públicas, Víctor Rossi, como o alcalde de Colonia, Walter Zimmer, defenderon a celulosa e louvaron os beneficios que deixará no país.
Os funcionario uruguaios non puideron deixar de escoitar os berros e cantos contra a empresa mentres as pancartas contrarias a Botnia tiñan máis atención das cámaras que os propios funcionarios. Seis lanchas cun total de 70 integrantes da Asemblea Ambientalista de Gualeguaychú achegáronse á costa uruguaia, tras pasar no medio das cinco embarcacións que a Prefectura uruguaia destinou para controlar aos manifestantes.
A protesta acuática, que foi presenciada por xornalistas, desenvolveuse nun clima pacífico, aínda que no medio dun gran operativo de seguridade montado polo goberno de Montevideo.
Juan Carlos Borgoño, un dos dirixentes deses grupos de ecoloxistas, explicou á axencia de noticias Telam que a idea foi "expresar en forma pacífica pero contundente o noso rexeitamento a Botnia, porque destrúe o modelo de desenvolvemento do país e o seu tecido social". Dixo tamén que se trata de "un proxecto imposto desde unha empresa multinacional e que foi autorizado polo goberno de Tabaré Vázquez de costas ao pobo".
O río Uruguai é un recurso hídrico compartido por Arxentina e Uruguai e o seu Estatuto establece que é necesaria a autorización de ambas as nacións para calquera actividade que poida modificar o ecosistema na rexión, algo co que Uruguai non cumpriu.