Unha representante da CNT en Santiago quedou na rúa tras montar a sección sindical deste sindicato na cadea de comida rápida.
Denunciáronse agresións nunha das protestas / CNT
O xuízo polo despedimento dunha traballadora de Pizza Móvil en Santiago comezou este xoves. A operaria foi despedida tras constituír unha sección da Confederación Nacional dos Traballadores (CNT) de Galiza na cadea de comida rápida.
A CNT acusa á compañía de tomar represalias contra esta traballadora e outro compañeiro do mesmo sindicato, a quen suspendeu de emprego e soldo. Con estes castigos, Pizza Móvil quere impedir que os asalariados se organicen para mellorar as súas precarias condicións laborais, di a organización.
Unha representante da UXT apoia á empresa
No xuízo deste xoves declarou outra asalariada e representante da UXT no mesmo centro de traballo. Segundo a CNT, a representante da UXT, Vanessa Pereiro, púxose de parte da empresa, criticou a súa compañeira e as mobilizacións do sindicato anarquista contra Pizza Móvil.
A Confederación Nacional dos Traballadores (CNT) reclama a readmisión da despedida, para o que organizou numerosos actos de protesta ante os restaurantes de Santiago, Vigo e Bertamiráns, entre outras localidades, durante este verán.
Acusan de lesións a tres sindicalistas
A raíz dunha desas protestas, Vanessa Pereiro presentou unha denuncia no xulgado contra tres cenetistas acusándoos de agredila.