O identificador para a lingua e a cultura catalás roza os 24.000 rexistros nun 'boom' de dominios a nivel global
Internet mantense en bo estado de forma. E é que o ritmo de rexistro de novos identificadores non deixa de medrar en todo o planeta. Só nos primeiros catro meses do ano rexistráronse 128 millóns de nomes, un 31% máis que no mesmo periodo de 2006, segundo datos de VeriSign.
O “.com” segue a ser o máis popular, pero nos últimos tempos os ccTLDs -os dominios de dúas letras para estados e territorios- están a medrar moi rápido. De feito, o “.de”, o identificador alemán, é o segundo máis popular, xa por diante de “.net”.
Oportunidade para o Puntogal
Un dos dominios que se están a comportar mellor e o “.cat”, específico para a lingua e cultura catalás. A Fundació Puntcat revela que, en pouco máis dun ano dende a súa creación, xa aprobaron uns 24.000 rexistros, a maioría solicitados por empresas.
Isto colócaos na novena posición da clasificación da identificadores que máis medran. O éxito do Puntcat é un dos argumentos que emprega Puntogal, a iniciativa a prol dun dominio para a lingua e a cultura galegas, para promocionar a súa candidatura ante o ente que concede os identificadores, a ICANN.
Que sucede co “.es”?
Entre os dez ccTLDs que máis están medrando destaca a ausencia do “.es” e a presencia do distintivo brasileiro o “.br”. O dominio da Unión Europea, o “.eu” tamén está atraendo clientes ata situarse na terceira posición dos que máis medran.