Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HAI TRESCENTOS EN 'PÉSIMAS CONDICIÓNS'

"Mafias da pesca galega" recorren aos indonesios para atopar tripulacións

Os asiáticos pagan para poder embarcar, como no caso do barco galego retido en Escocia, e substitúen aos latinoamericanos

Manuel Vilas - 15:00 29/08/2007
Indonesios abandonan o barco retido en Escocia / stv.tv

Indonesios abandonan o barco retido en Escocia / stv.tv

Os galegos xa non queren ir ao mar polas pésimas condicións nos pesqueiros. Hai anos que os armadores 'importan' traballadores de baixo custe dende Latinoamérica e, máis recentemente, dende Indonesia. Son estes operarios asiáticos os máis proclives a sufrir situacións de explotación laboral, como a que mantén a un pesqueiro de capital galego, o 'Enxembre', retido polas autoridades escocesas.

Ramiro Otero, de Comisións Obreiras (CC.OO.), denuncia a existencia de “auténticas mafias no sector da pesca galega”. En concreto, o sindicalista alerta sobre unha axencia de Burela que dende 2004 trae mariñeiros de Indonesia en “pésimas condicións”.

Segundo os seus datos, hai uns trescentos indonesios nos buques de altura do país. Estes operarios chegan moitas veces como 'recambio' de chilenos e peruanos, pois estes, ao falar castelán, son máis proclives a denunciar.

Retéñenlles parte do salario mínimo
Para traelos, as axencias ofrécenlles o salario mínimo, moi por debaixo do que cobra un mariñeiro galego. En moitos casos a axencia quédase cunha “parte importante” do soldo.

Outra das prácticas habituais na flota galega, segundo Comisións, é obrigar aos inmigrantes a firmar o finiquito no intre de asinar o contrato. Isto déixaos nunha “total indefensión”, pois os armadores poden despedilos cando lles pete.

Secuestro dos billetes de volta
Comisións mesmo ten atopado casos nos que os patróns reteñen os billetes de regreso dos indonesios para evitar que estes denuncien. Otero quéixase da “falta de control da administración permite que as mafias actúen con impunidade”. Mesmo hai casos de que o traballador ten que pagar para lograr un posto, como denunciou a tripulación do 'Enxembre'.

Ante casos deste tipo, CC.OO. pide á Xunta que interveña para rematar cunha “unha situación que leva moito sen control”. Otero argumenta que, como a “práctica totalidade dos pesqueiros recibe subvencións por algún concepto”, a Consellería de Pesca pode usar o seu poder para obrigar aos armadores a asinar un convenio contra a explotación laboral dos inmigrantes.

Burela traballa na súa integración
Pero non é só explotación laboral o que atopan os inmigrantes da pesca. No concello de Burela puxeron en marcha un programa para integralos na vida local, que inclúe cursos de alfabetización e asistencia social.

Dende o Municipio indican que, mentres que os peruanos si recorren á administración, é moi raro que os indonesios soliciten axuda. E é que os latinoamericanos, que nalgúns casos levan ata sete anos na Mariña, tentan traer as súas familias, mentres que os indonesios “chegan, traballan e marchan”.

O exemplo dos caboverdianos

Como exemplo dunha comunidade que si logrou establecer raíces na Mariña sinalan aos caboverdianos. Presentes na comarca dende os 70, as novas xeracións nacidas en Galiza comezan a atopar traballo noutros sectores, sobre todo na construción, indican no concello lugués.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: