Miren Azkarate fixo esta reflexión en Montreal, no seminario 'Pequenas nacións: nacionalismo, recoñecemento e autonomía'.
A portavoz do goberno vasco e conselleira de Cultura, Miren Azkarate, considera "evidente" que a ETA, "coa súa persistencia na violencia é un obstáculo para que a sociedade vasca decida en paz e liberdade o seu futuro". "Falar de soberanía, autogoberno e mesmo de independencia é lexítimo e democrático, e está presente en diversas nacións e sociedades de occidente", afirmou.
Azkarate fixo estas reflexións en Montreal, onde participou como relatora no seminario Pequenas nacións: nacionalismo, recoñecemento e autonomía, organizado polo Grupo de Investigación sobre sociedades plurinacionais (GRSP, Groupe de recherche sur les sociétés plurinationales) e organizado no marco dos Cursos de Verán de Montreal do Institut du Nouveau Monde na Universidade de Quebec.
A conselleira disertou, entre outros temas, sobre o lugar e encaixe das pequenas nacións nun mundo globalizado, a denominada "adaptación razoábel" da nova emigración no contexto do Quebec, a relación desta provincia con Canadá e "as experiencias de Euskal Herria, Escocia, Cataluña e as nacións de Bélxica".
Dereitos históricos preexistentes á Constitución
Neste senso, dixo que era "evidente" que a ETA, "coa súa persistencia na violencia, é un obstáculo para que a sociedade vasca decida en paz e liberdade o seu futuro". "Dito doutro xeito, a ETA, unha organización que practica a violencia, é unha rémora de tempos pasados, e politicamente constitúese en inimigo da capacidade de decisión de Euskal Herria", precisou.
"En Euskadi hai un problema político derivado do non recoñecemento da existencia dunha nación diferenciada", sinalou e manifestou que se trata dun "suxeito político ao que lle corresponden uns dereitos históricos preexistentes á propia Constitución".
Ademais de Miren Azkarate, acudiron a Montreal a ministra-presidenta da comunidade francesa de Bélxica, Marie Area; o ex parlamentario do SNP e ex presidente do parlamento de Escocia, George Reid; e o presidente do Centro UNESCO de Cataluña, Félix Martí, así como os máximos dirixentes do Partido Quebecois e da Alianza Democrática de Québec.