O presidente anuncia que o Goberno está disposto a crear unha comisión para que se saiba "o que fixo o PP co diñeiro de todos os galegos"
Touriño, nunha imaxe de arquivo
Á marxe das posíbies actuacións xudiciais, a Cidade da Cultura vai volver protagonizar o inminente curso político. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou este sábado na Fonsagrada que o Goberno está disposto a abrir unha comisión parlamentaria. Nun acto socialista no que tamén estivo presente o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, Touriño sinalou que xa chegou a hora de poñer “luz e taquígrafos” na controvertida obra de Gaiás.
Diante de 1.500 simpatizantes, Touriño asegurou que o bipartito está disposto a chegar até o final e investigar así se houbo despilfarro na xestión das obras da Cidade da Cultura para que "toda Galiza saiba como xestionaba e o que fixo o PP co diñeiro de todos os galegos". O anuncio prodúcese logo de que o Consello de Contas reflectira nun informe presuntas irregularidades na execución que afectarían ao anterior goberno popular.
Zapatero non recibiu os afectados por Reganosa
Máis de medio cento de veciños da comarca de Ferrol desprazáronse até A Fonsagrada para entrevistarse con Zapatero. O mandatario español non quixo recibir aos manifestantes. Porén, o subdelegado do goberno estatal en Lugo comprometeuse a entregarlle un escrito a Zapatero no que se recollían as protestas dos veciños contra a planta de Reganosa.
.