O escritor volve á vila que inspirou a súa primeira novela, que trata o problema do feísmo urbanístico.
Farruco Graña
Farruco Graña leva unha intensa semana de presentacións da súa ópera prima, O bosque de Nadgor. Este sábado daraa a coñecer en Carballo, a súa vila natal e inspiradora de moitos aspectos da novela. O acto, previsto para as oito e media do serán, forma parte da programación da Praza dos Libros. A encargada de presentalo será a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro.
O luns xa estivo en Foz, na Feira do Libro. Alí, o autor deseñou as liñas básicas da novela e salientou a importancia de tomarmos conciencia sobre a conservación do noso patrimonio, o deseño racional das vilas e a preservación da paisaxe como patrimonio común. No acto estivo acompañado de Xoán Carlos González Basanta, que introduciu o acto.
O xoves, foi a quenda da feira de Monforte de Lemos. Graña estivo presentado por Plácido Lizancos Mora, subdirector da Escola de Arquitectura da Coruña e autor d'A casa contemporánea en Galicia.