Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Praza dos Libros 2007

Carballo énchese de literatura durante catro días

Do 23 ao 26 de agosto haberá actividades literarias, actuacións musicais e títeres no Xardín Municipal.

Redacción - 13:30 21/08/2007

A vila de Carballo encherase do 23 ao 26 de agosto, de libros, de actividades lúdicas, participativas, divertidas e formativas para nenas e nenos e para persoas adultas. No Xardín Municipal estarán presentes autoras e autores da comarca e do país, con presentacións e sinaturas de libros, recitais, actuacións e representacións. Será unha nova edición da Praza dos Libros, a feira literaria de Bergantiños, que convivirá coa feira tradicional, polo que haberá moito máis que libros.

O programa inclúe múltiples presentacións de libros, como Lingua, nación e identidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato; As horas de María, de Paco Souto; Arte e parte, de Xurxo Borrazás; Crónicas de Carballo, de Xan Fraga; Historia dunha lata e Lume!, de Alberto Varela Ferreiro; Seavia é nome de parroquia, de Xosé Antonio Andrade; e O bosque da Nadgor, de Farruco Graña.

Tamén haberá sinatura de libros por parte de Santiago Jaureguizar. A encargada do pregón será Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e coordinadora dos equipos de normalización lingüística (ENL) dos centros de ensino da provincia da Coruña. Será o xoves 23 ás 13.00 h.

Ademais, haberá moitas outras propostas, como A Fábrica da Fantasía (actividades para nenas e nenos) ou concertos de balde, como os da caboverdiana Nancy Vieira (venres 24 ás 22.30 h); O Leo i Arremecághona, que presentará Hai cu. Pintadas no váter (o sábado 25 ás 21.30 h); ou o cantautor cubano Norge Batista (o domingo 26 ás 21.30 h). Tamén haberá títeres, o venres 24 ás 20.00 h, con Viravolta. O domingo pola mañá, quen merque un libro será agasallado cun pan da marca Pan de Carballo (Un libro, un pan). As casetas estarán abertas en horario de 11.00 h a 14.00 h e de 17.30 h a 21.30 h.


Ligazóns

4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: