O proxecto, chamado Sistema de Control de Colaboradores, obriga ás organizacións a facilitar datos persoais dos seus cooperantes.
Dentro da psicose antiterrorista dos EUA, o goberno de Bush acaba de anunciar que vai manter un control extremo sobre as ONG's que operan no país e que reciben fondos da Axencia para o Desenvolvemento Internacional dos EUA (USAID), para detectar posíbeis ligazóns con grupos terroristas
O plan de control das ONG's incluirá o rexistro de datos persoais, números de teléfono e enderezos electrónicos dos cooperantes. O programa vai manter en secreto a información recadada, sen darlles explicacións ningunhas ás ONG's se son rexeitadas e fican sen subvención, cousa que acontecería se atopan algunha vinculación con "grupos terroristas", incluídos na listaxe do Departamento de Estado.
Este control podería favorecer os atentados
Segundo a meirande asociación norteamericana de ONG's que traballan no exterior do EUA, este proxecto podería acrecentar o risco de ataques terroristas, ao poder ser percibido como "unha extensión" da espionaxe. Tamén afirman que "pon en risco a vida dos cidadáns dos EUA que participan en actividades humanitarias no exterior".