Despois de que o tribunal declarase improcedente o seu despedimento, os traballadores decidirán os próximos pasos.
Esta mesma semana coñecíase que o xulgado do social nº1 da Coruña cualificaba de improcedente o despido de 26 traballadores da empresa Atento. Os ex empregados cavilan agora se recorren a sentenza para tratar de conseguiren que o despedimento sexa cualificado de "nulo", o que implicaría que deben ser readmitidos. Desde o sindicato recoñecen ao respecto non seren optimistas sobre a continuidade de Atento na Coruña, debido á estratexia da empresa en Galiza e no resto do Estado.
A delegada de CIG en Atento e vicepresidente do Comité de Empresa, Mónica Díaz, destacou a importancia de conseguir este obxectivo que implicaría a súa volta aos postos de traballo, non obstante, asegurou que serán os propios traballadores os que tomen a decisión de facelo.
O fallo xudicial que se deu a coñecer o pasado luns considera que a situación contractual destes empregados é de persoal indefinido e non contratado por obra e que o seu despedimento é fraudulento xa que a empresa alegou unha diminución de chamadas cando se puido demostrar que estas se estaban a desviar a outras oficinas no resto do Estado. A sentenza tamén recoñece a antigüidade da maioría destes traballadores dende a sinatura do seu primeiro contrato.