Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O dobre que en 1987

Os galegos destinan o soldo bruto de oito anos para adquirir unha vivenda

Segundo un informe de CCOO, que propón fomentar o alugueiro para frear o endebedamento das familias e augura unha desaceleración dos prezos.

Redacción - 17:30 22/08/2007

Os galegos deben destinar a totalidade do seu soldo bruto medio (16.335 euros) durante oito anos para mercar unha vivenda nova de 90 metros cadrados, o que supón un incremento do 100% do prezo real con respecto a hai 20 anos, cando cumprían 3,4 salarios.

Así o pon de manifesto un informe de CCOO -elaborado por Maica Bouza e Silvia Parga- presentado esta cuarta feira, onde se detalla que a nivel estatal o número de salarios anuais ascende a 9,5. Este maior esforzo contrasta coa cantidade de vivendas ofertadas, posto que creceron un 14% -a media estatal é do 20%- namentres que a poboación caeu un 1,3%.

214.00 vivendas baleiras

O estudo cifra en 214.000 as casas ou apartamentos baleiros en Galiza, o 16%, aínda que as autoras recoñecen que as estatísticas "non son fiables", xa que preto da metade dos alugueiros non están regularizados. Por iso, CCOO esixiu un maior esforzo nas inspeccións para regulamentar o mercado.

Neste senso, a secretaria de Política Social do sindicato, Clara Gamarra, apostou por potenciar a vivenda en alugueiro e informou de que propuxeron que as inspeccións técnicas dos inmóbeis de máis de trinta anos pasen a mans do Goberno.

"Os concellos están a deixar as súas responsabilidades no control dos edificios baleiros", aseverou, e reclamou que estes se manteñan en condicións óptimas para que saian ao mercado. "O que non se pode é ter unha vivenda abandonada", argumentou, e propuxo tamén fomentar a rehabilitación antes que seguir construíndo vivenda nova.

Alugueiro: Galiza, 6%; Alemaña, 57%

Respecto ao alugueiro, que agora supón o 6%, nove puntos menos que en 1991, dixo que o seu fomento serviría para frear o endebedamento crecente para acceder a unha vivenda. De feito, comparou estes datos cos doutros países europeos, como Alemaña (57% de vivendas alugadas), Holanda (47%) ou Dinamarca (45%).

Nesta liña, propuxo cambiar a política fiscal para volver ofrecer desgravacións. Tamén, falou sobre a posibilidade de gravar só a quen non poña as súas propiedades inmobiliarias no mercado e as utilice para especular.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: