Só se detén o 1% dos responsábeis dos lumes forestais, e apenas o 20% deses detidos acaba sendo xulgado por delito de incendio, quéixase Greenpeace.
Velaí a galería de personaxes cos que o colectivo ecoloxista lle quere poñer cara á tipoloxía máis común de incendiarios. Para facelo, peneiraron datos do Ministerio de Medio Ambiente dos anos 1996-2005. Así, e aínda laiándose da altísima porcentaxe de lumes dos que se descoñece responsábel, sinalan as seguintes cifras:
-O labrego irresponsábel, "que coas súas periódicas queimas de restroballos causa o 31% dos lumes e o 13,9% da superficie queimada"
-O gandeiro inconsciente, "que coas súas queimas para a rexeneración de pastos causa o 21,5% dos incendios e o 26,5% da superficie queimada"
-O mal cazador, "que provoca lumes para favorecer determinadas especies cinexéticas, causando o 2,1% dos lumes e o 4,37% da superficie queimada"
-O imprudente, "que coas súas fogueiras e cigarrillos mal apagados causa o 6,7% dos incendios e o 7,8% da superficie queimada"
-O pirómano, "persoa trastornada sen intención de facer dano pero que provoca o 7,5% dos incendios e o 4,9% da superficie queimada"
-O asocial conflitivo, "persoa altamente conflitiva, con problemas de integración social e de drogodependencias que provoca o 3% dos incendios e o 4,6% da superficie queimada"
-O interesado, "cidadáns que buscan aproveitárense dos efectos dos incendios forestais por diversos motivos e que xeran o 0,6% dos incendios e o 0,3% da superficie queimada"
-Don Importante, "desde o seu despacho e coas súas decisións provoca o 2,6% dos incendios que causan o 6,7% da superficie queimada"
Advirte Greenpeace da "sensación de impunidade" que prende na cidadanía ao respecto do problema dos incendios e salienta o colectivo que de poucos dos grandes incendios provocados se conseguiu deter os responsábeis.
O informe propón aumentar a coordinación e eficacia policial, aumentando os medios para a investigación dos lumes e a dotación de fiscais para encargárense dos casos. Ademais, subliñan a importancia de "insistir na colaboración cidadá" como vía para descubrir os incendiarios. Tamén chaman a estabelecer sancións directas e multa para as persoas xurídicas das que se demostre a súa intervención en delito de incendio forestal. "É imprescindíbel para erradicar posíbeis beneficios que puidesen derivarse dos lumes", avisan.