Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Con niveis de acidez nocivos para a saúde

Volven chover folerpas tóxicas en Cerceda dende a térmica de Meirama

Os veciños de Lousa, na parroquia das Encrobas, solicitan publicamente unha xuntanza cos representantes da central e de Medio Ambiente, e anuncian "medidas de forza".

Redacción - 18:00 20/08/2007

A central térmica de Meirama, no Concello de Cerceda, unha vez máis volveu cuspir folerpas tóxicas a través das súas chemineas na mañá deste luns. Tal e como vén sendo habitual cada vez que o complexo da empresa Unión Fenosa para por un ou varios días, unha substancia grisácea con tons marelos caeu sobre casas e leiras do lugar de Lousa, na parroquia das Encrobas, co arranque das máquinas.

Nesta ocasión, os veciños -ao igual que os pasados días 8 e 9 de marzo- mobilizáronse e solicitaron a presenza das policías locais de Ordes e Cerceda así como do Seprona, para que procedesen a tomar mostras das folerpas, duns tres centímetros de diámetro, segundo lle informou a Vieiros o voceiro do colectivo de afectados, Xoán Castro Rivas.

Este lembrou as palabras do delegado provincial de Medio Ambiente, Manuel Tajes, que logo da última mobilización dos veciños -e malia ser este un suceso que se repite habitualmente- sinalara que a choiva de folerpas tóxicas fora un "feito puntual", algo que, segundo Castro Rivas, demostra que "ou ben é un mentireiro ou ben non sabía do que falaba". "Quen sabe ben o que pasa somos nós, que vivimos aquí a carón do monstro", afirmou.

Implicación dos grupos municipais

"É hora de que os representantes políticos no concello co alcalde Xosé García Liñares a cabeza se pronuncien neste asunto: ou do lado da multinacional ou do noso lado", sentenciou Xoán Castro. Con este fin, tanto os membros dos tres grupos municipais, PSdeG, BNG e PPdeG, como os medios de comunicación foron convocados a unha conferencia na mesma tarde do luns.

"A nosa intención é solicitar -publicamente- unha xuntanza con todas as partes neste conflito", anunciou Castro, é dicir, veciñanza, Consellaría de Medio Ambiente e Unión Fenosa, ademais de tomar posíbeis "medidas de forza", que non quixo anunciar polo momento. Cómpre lembrar, ademais, que a chuvia de 'folerpas' tóxicas vénse a sumar ao problema diario provocado polo carbón usado na central, que luxa os regos e as leiras xunto coas casas, así como o ruído que producen as máquinas desta.

Cuestionado polo grao de implicación dos tres partidos co problema, o voceiro dos afectados dixo que "foi o BNG o único que nos apoiou 'a morte' dende o principio, poñéndonos en contacto coas altas instancias e facendo o traballo suxo", e engadiu que "o PP aínda acaba de aterrar e falta que o alcalde, do PSdeG, se molle dunha vez por todas".


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: