No contorno da UE, os británicos son os máis desconfiados cos musulmáns, mentres que os que lles dan mellor trato, son os franceses, segundo un estudo do Financial Times.
O estudo conclúe que os británicos endureceron o trato cara os inmigrantes musulmáns a raíz das bombas de Londres de 2005. Comparados cos franceses, alemáns, italianos, españois e outros cidadáns da UE entrevistados para elaborar este relatorio, os británicos -o 56 % dos consultados- son os que máis medo teñen a un ataque terrorista no seu país e consideran, -o 38% dos cidadáns consultados- aos musulmáns un perigo para a súa seguridade nacional.
Un dos meirandes grupos de enquisados británicos, o 46%, considera que os cidadáns musulmáns teñen máis influencia política no seu país que noutros da UE, mais tamén opinan que é un grupo de poboación que está a ser albo de maiores críticas inxustificadas no Reino Unido, en relación a outros países.
Noutra banda, son os norteamericanos e mailos alemáns os que, por diante dos británicos, terían máis obxeccións a que un fillo ou unha filla súa casase cunha ou cun musulmán.
Os británicos están a mudar o ideario "progresista e multicultural" que mantiveron durante decenios
En contraste cos británicos, os cidadáns franceses están a mudar a súa política para cos musulmáns, acolléndoos de mellor grado que os británicos. O 21% dos franceses consideran os musulmáns unha ameaza para o seu estado, porcentaxe que contrasta do 52% da poboación consultada, que pensa que este colectivo está a ser inxustamente criticado pola maior parte da poboación.
Este informe conclúe que en Francia sempre se traballou pola integración, mais ben pouco na loita contra a discriminación, sobre todo nos postos de traballo mellor remunerados e socialmente considerados. No Reino Unido acontece xusto o contrario.
En canto á relixión
O informe amosa diferentes puntos de vista sobre a relixión levaba á esfera pública. En Francia, mais tamén no Reino Unido, a relixión é considerada primeiramente algo privado, mais o 25% dos cidadáns británicos e franceses enquisados están de acordo con que haxa escolas relixiosas ou obxectos relixiosos en escolas e lugares de traballo.
Os cidadáns españois, norteamericanos e italianos, porén, amosan máis comprensión e entusiasmo polas mostras relixiosas públicas e a introdución de simboloxía relixiosa en lugares públicos.