Un 97% dos titulados en Formación Profesional quedan a traballar en Galiza. O 80% atopa emprego en menos de seis meses.
Atendendo aos datos feitos públicos pola Consellaría de Educación, destaca tamén a alta porcentaxe de estudantes da FP que consideran que conseguen un traballo con relación directa co ciclo que estudaron: até un 81% responde afirmativamente a esta cuestión.
Segundo o estudo, que peneira os datos dos alumnos que remataron a FP no verán de 2004, un de cada catro continuou formándose. Destes, arredor da metade escolleu seguir algún tipo de carreira universitaria ao que o ciclo de FP estudado lle facilitaba o acceso. O 31,7% escolleron outros estudos de FP. A maioría dos que atoparon traballo fixérono no sector privado, un 62,4%. Un 19,6% obtiveron emprego do sector público. O 18% restante accedeu ao seu primeiro traballo por conta propia.
As maiores taxas de inserción están en Fabricación mecánica; Mantemento de vehículos autopropulsados; Mantemento e servizos á produción; e Madeira e moble, superando en todas elas o 78%. No outro estremo, a menor taxa de ocupación deuse en Comunicación, Imaxe e son; Sanidade; Informática; e Actividades físicas e deportivas.
Po outro lado, as cifras da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ACSUG, indican que o 44,86% de titulados universitarios tardaron menos de catro meses en atopar o seu primeiro emprego desde a obtención do título. Só un 55,7% dos enquisados titulados no SUG en 2002 e 2003 estaba a traballar en xuño de 2004.