Antonio López recoñece que as irregularidades detectadas no proxecto da Cidade da Cultura poden derivar en sancións para membros do anterior executivo.
O conselleiro maior do Consello de Contas, Antonio López, que tomará posesión do cargo á volta das vacacións, referiuse este mércores nos micrófonos da Cadena Ser á denuncia presentada pola CIG na Fiscalía sobre a actuación do executivo anterior no que respecta á Cidade da Cultura. López non quixo afondar no asunto, pero si sinalou que é clara a detección de diferentes "niveis de incumprimento" e que das simples irregularidades pode falarse de aspectos que derivarían na necesidade de que membros do Goberno anterior deban asumir "responsabilidades" polas súas actuacións.
Por outra parte, López destacou que a "seriedade e rigor" do informe de 2004 do organismo estea dando que falar e recoñeceu que a vontade da institución é conseguir que estes informes "cheguen antes". "Non é doado, dados os prazos que teñen as institucións para renderen contas e os do Consello para estudalas", laiouse.
Explicou nese sentido que unha institución dispón de até sete ou dez meses para enviar a información requirida e a continuación, o Consello de Contas debe afrontar un complexo proceso de análise, elaboración de borradores e avaliación definitiva antes de que proceder á súa publicación. Por isto, considerou normal que pasen "até dous anos desde que finaliza un exercicio até que se coñece o informe". Nesa liña, avisou de que os informes "nunca poderán ser inmediatos" e chamou a evitar pensar que, como desta volta cun cambio de goberno polo medio, se "deixa pasar" o tempo.
Ademais, insistiu en que o labor do Consello de Contas é adicional aos instrumentos de control e fiscalización que xa se aplican no día a día. Salientou así que isto debe "transmitir a sensación de que si hai un alto nivel no control dos fondos públicos".