A iniciativa do IGAEM e de Clubtura ofrecerá preto de 900 concertos durante o seu primeiro ano de funcionamento.
A Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido polo IGAEM e Clubtura que botou a andar en febreiro de 2007, segue a medrar e a espertar o interese de formacións de todo o país, do estado e mesmo de Europa. Para a convocatoria do 2008 preinscribíronse 486 grupos de todos os estilos musicais.
O 87% dos presentados son galegos, maiormente da metade occidental, aínda que hai candidatos de practicamente todo o estado e mais de Portugal, Irlanda, Bélxica e Alemaña. Os seus repertorios van dende o rock, o pop e o folc até a música electrónica, o jazz e a canción de autor.
Agora, as 45 salas que forman parte do circuíto teñen de prazo até o 15 de setembro para presentaren as súas propostas de programación. Cada unha deberá contratar un mínimo de 8 grupos, dos que as tres cuartas partes deben ser formacións galegas. Ademais, para que unha banda ou solista sexa contratada debe ter pechados polo menos 6 concertos anuais.
A Rede Galega de Música ao vivo naceu co fin de consolidarse como un circuíto estábel de distribución musical e de plataforma de promoción de intérpretes por todo o país. No seu primeiro semestre de andaina, ofreceu 560 actuacións de 71 grupos e solistas. A partir de setembro e até finais do ano esán previstos outros 295 concertos de 70 agrupacións.