O colectivo de banda deseñada lanza o número 10 de Barsowia, a novela gráfica Pinche Mundo e o Polaqia Sketchbook 1.
Viñetas dende o Atlántico, o Salón do Cómic que se desenvolve durante esta semana na Coruña, chega o martes 14 á súa segunda xornada. O colectivo de autores galegos de banda deseñada Polaqia presenta a partir das seis e media da tarde o número 10 da súa publicación Barsowia.
Desta volta, a antoloxía semestral de banda deseñada inclúe traballos de autores da escena estatal, como Esteban Hernández e Carlos Vermut, que se suman a membros do colectivo: David Rubín, Sergio Covelo, Álvaro López e outros nomes do país como Miguel Robledo, Kohell e Carlos Portela.
Pero non son as únicas novidades que presenta Polaqia na Coruña. Dende o luns ofrecen no posto 22 dos Xardíns de Méndez Núñez, ademais, a novela gráfica Pinche Mundo, de Kike Benlloch e Diego Blanco. O álbum, de 76 páxinas, ten estrutura de road movie e está ambientado entre os Estados Unidos e México. Serve, ademais, para inaugurar a colección Rompehielos.
Por se fose pouco, durante o salón da banda deseñada agasallarase o Acompañante de Pinche Mundo coa compra da novela gráfica. Unha minirrevista de vinte páxinas que desvela o proceso de creación da obra. E outra novidade que se dá a coñecer na Coruña é o Polaqia Sketchbook 1, de Miguel Robledo, un minilibro de arte que recolle bosquexos inéditos do autor.
Máis presentacións Despois da presentación de Polaqia, intervirán no Viñetas dende o Atlántico dous autores. Ás sete da tarde, Álvaro Pons falará da novela gráfica, e, ás oito e cuarto, Tim Sale, que se fixo ultimamente moi coñecido por ser o autor dos cómics que aparecen na serie Heroes.