No mesmo senso que o primeiro ministro italiano pronunciouse unha comisión parlamentaria británica, que culpa ao Reino Unido do fracaso do goberno de unidade palestino.
O primeiro ministro italiano, Romano Prodi
O primeiro ministro italiano, Romano Prodi, dixo este domingo que o movemento islámico Hamás é "unha realidade moi complexa" á que hai que axudar a "evolucionar para que traballe pola paz", proceso que cómpre facer "abertamente, con transparencia", e indicou que é "imposíbel pensar en ter a paz en Oriente Próximo cos palestinos divididos".
Palestinos e israelís, afirmou, "débense converter en dúas nacións que vivan en paz como sucede entre dous países europeos. É necesario propiciar o diálogo e non se pechar nunca ao diálogo con ninguén".
Ademais, referiuse ao problema dos refuxiados palestinos, especialmente en Siria: "É evidente que a paz en Oriente Próximo non será posíbel até que Siria non forme parte do proceso", e salientou que lle hai que ofrecer axuda a este país co problema dos refuxiados.
Comisión parlamentaria británica
Neste mesmo senso se pronunciou un comité de parlamentarios británicos, que lle esixiu ao enviado do Cuarteto e ex primeiro ministro Británico Tony Blair que abra conversacións con Hamás.
Os parlamentarios aducen que o rol de Gran Bretaña no boicot a Hamás tras a súa chegada ao poder foi o que fixo fracasar o goberno de unidade palestino e o que provocou a toma violenta do poder por parte do grupo islámico.