Os beneficiados serán membros de Al Fatáh que non teñan "sangue nas súas mans".
O líder de Al Fatáh, Mahmud Abbas
O gabinete de ministros israelí aprobou este domingo a liberación de 250 prisioneiros palestinos, no que representa o xesto máis recente de apoio ao presidente palestino, Mahmud Abbas.
O primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, accedeu á liberación hai dúas semanas, durante unha reunión con Abbas, como parte dunha estratexia de Israel para apoiar o líder palestino no seu conflito co Movemento de Resistencia Islámica (Hamás), que a mediados de xuño se fixo co control da Franxa de Gaza.
A liberación quedou daquelas á espera de que Israel definise a lista de prisioneiros beneficiados. Participantes na reunión do gabinete explicaron que a liberación foi aprobada por unha ampla marxe de apoios. Porén, engadiron, Israel non decidiu aínda quen serán liberados. Uns 10.000 palestinos atópanse encarcerados en prisións israelís.
O máis probábel, segundo expertos no conflito, é que os prisioneiros beneficiados sexan membros de Al Fatáh, partido de Abbas, que non teñan "sangue nas súas mans", é dicir, que non participasen persoalmente en atentados terroristas mortais.