Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xavier Castro, gañador do XII Ferro Couselo

"O concepto de matriarcado en Galiza non foi tal; é un mito"

A súa obra Historia da vida cotiá en Galicia (séculos XIX e XX), que será publicada no outono baixo o título de Servir era o pan do demo, foi merecedora deste galardón. Vieiros falou con el.

Fernando Arrizado - 15:15 12/08/2007
Xavier Castro

Xavier Castro

O catedrático de Historia Contemporánea da USC , Xavier Castro Pérez, acaba de gañar o XII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo (convocado polo Concello de Valga), que -tal e como adianta para Vieiros- a editorial Nigra Trea publicará no outono baixo o título de Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá na Galiza Contemporánea.

Trátase dunha achega
á historia da vida cotiá na nosa terra na Idade Contemporánea, tema inédito até o de agora (existen outros estudos, mais sobre a época Moderna) e cun evidente leit motiv: a diferencia de vida entre ricos e pobres, entre amos e criados.

De aí o título elixido para a nova publicación. Xavier Castro, que para confeccionar o estudo empregou fontes bibliográficas inéditas, prensa, textos legais, etc. así como as informacións orais recollidas mediante entrevistas realizadas, confesa que con esta frase, "Servir era o pan do demo", resumía unha muller as súas vivencias de épocas pasadas.

Vieiros: O progreso trae consigo cousas positivas, mais tamén outras negativas, e viceversa, non si?

Xavier Castro: É certo; en Galiza sobre todo houbo unha moi importante mellora na alimentación, a nutrición é moito mellor agora; agora hai un maior igualitarismo, viáxase máis ... Claro está que ao contrario do individualismo co que se vive agora nas cidades, antes a vida era máis leda, máis proximidade, un maior comunitarismo, aínda que cos cambios as que máis gañaron foron as mulleres.

E logo?
Hai un concepto moi estendido, que é o do matriarcado, que Galiza era unha sociedade matriarcal; isto é un mito. En Galiza os postos clave, incluso durante a emigración, tal como as xuntas parroquiais ou os administrativos estaban ocupados por homes. No reparto de alimentos, as mulleres sempre levaban a peor parte, eran as últimas en comer e mesmo comían de pé.

Mais, a falta de homes, eran as mulleres as que tiñan que facer todos os traballos, tamén os máis duros...

Iso si, as mulleres traballaban a reo. Como dicía o pintor Carlos Maside, as mulleres labregas tiñan mans de home. Ou como recolleu Emilia Pardo Bazán, nas mulleres galegas a beleza murchaba moi cedo.

Nesta época, houbo algún suceso de inflexión salientábel, ou foi un continuum deica os anos sesenta (data na que finaliza a investigación)?

Houbo. Por exemplo no que respecta aos temas relacionados coa hixiene coa aparición da penicilina. A gripe produciu moitos estragos na poboación, e estamos a falar aínda de mediados do século XX. Tamén, cómpre salientar que en 1927 reviven os foros. Galiza estivo moi marcada polo moito que durou aquí o Antigo Réxime. Había casas nas que servían até tres criados.

Nutro dos temas tratados no estudo, a indumentaria, obsérvanse cambios a partires de 1920, coa decadencia do traxe tradicional galego, cando case todas as prendas estaban feitas con liño. Daquelas introduciuse o algodón, cando comezaron a chegar viaxantes con roupa de confección. Até entón, a vestimenta salientaba por ser prendas mal cosidas, con engurras, en moiras ocasións suxas e afumadas polas lareiras, que se ían herdando dos pais ou dos irmáns.

E as relacións amorosas, o sexo, como eran?

Eran machistas, expeditivas, de acoso e mesmo violentas. Hai que ter en conta tamén que moitas mulleres ficaban solteiras, xa que moitos eran os homes que emigraban a América ou que ían ás 'quintas', as guerras de Cuba, Marrocos... Casaban os fillos que tiñan 'mellora'.

'Mellora'?

Antigamente gardábanse cartos para que un dos fillos puidese casar. Os non 'mellorados' ou os que non tiñan 'porqués', que era outra forma de dicir que non tiñan cartos, ficaban na solteiría e a vivir na casa dos pais. Tamén o que había moitos matrimonios estratéxicos en función do diñeiro. E logo estaban as 'tías' que ían vivir a casa dun dos irmáns que contraeran matrimonio co compromiso de non casar, porque era inasumíbel pola familia.

Moito amor non había, logo...

Habíao, o que non había moitas veces era posibilidade para materializalo nun matrimonio. Outra cousa moi curiosa que ocorría en Galiza, moi característico con respecto ao resto do Estado, era o elevado número de mulleres solteiras que quedaban preñadas, e que ten unha explicación.

E cal é?

Non o imos desvelar todo, non?. Mellor que os lectores de Vieiros lean o libro para descubrilo.


Xavier Castro Pérez publicou en 2006 A la sombra de los parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares; en 2001 Ayunos y yantares: Usos y costumbres en la historia de la alimentación e en 1998, A lume manso. Estudos sobre historia social da alimentación en Galicia.

Ademais de ser no seu día subdirector da Revista Grial, tamén foi asesor histórico nas series da TVG As leis de Celavella e A casa de 1906.


Ligazóns

4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: