Os saharauís esixen incluír a opción da independencia no referendo. Rabat só acepta falar de Estatuto de Autonomía. Mentres, continúan as detencións.
Marrocos e a Fronte Polisario retomaron este venres en Nova York as primeiras negociacións directas en sete anos sobre o conflito do Sáhara Occidental, cunha principal diferenza de principio: o concepto de autodeterminación. Mentres os saharauís esixen a organización dun referendo que inclúa a opción da independencia, o goberno de Rabat só acepta someter a consulta popular un Estatuto de Autonomía.
Brahim Gali, membro do equipo negociador saharauí que participa nas conversacións auspiciadas pola ONU, afirmou que o plan marroquí de conceder unha autonomía para a zona persegue "legalizar o feito consumado da ocupación" a través da oferta dunha "única opción" ao pobo saharauí, a da autonomía que, ao seu xuízo, equivale á integración en Marrocos.
Neste senso, advertiu de que a consulta popular non pode expoñer unha soa opción, xa que logo se estaría falando dunha "autodeterminación condicionada". A Polisario insiste en que nesa futura consulta se inclúa a opción da independencia, xunto coa da autonomía ou a integración en Marrocos.
A posición de Rabat é xustamente a contraria. Segundo subliñou o rei Mohammed VI a finais de xullo nun discurso pronunciado con motivo do oitavo aniversario da súa chegada ao trono, Rabat está "disposto a negociar", mais "unicamente sobre a autonomía e máis nada que a autonomía". Ademais, asegurou que a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental é "plena, perenne e inalienable".
Nesta segunda rolda de conversacións, que se prolongará ao sábado e que sucede á primeira toma de contacto que as partes estableceron os pasados 18 e 19 de xuño, desprazaranse, como en xuño pasado, delegacións dos dous países veciños, Alxeria e Mauritania, quen só entrarían a formar parte das conversacións se estas tratasen algún asunto que lles incumba.
Novas detencións e torturas
As negociacións prodúcense nun momento do incremento da represión de Marrocos contra a poboación saharauí nas zonas ocupadas (o número de presos políticos ascendeu de 30 a 66 en menos dun mes), "debido ás manifestacións pacíficas que reivindican a autodeterminación e independencia", segundo sinalou CODESA, colectivo para a defensa dos dereitos humanos dos saharauís.
O pasado luns a xendarmería marroquí detivo a un mozo de 16 anos, Mustafa Ismaili en Fum El Uad, na costa de Fum El Uad (a 25 quilómetros ao Oeste de El Aaiun), e permaneceu once horas detido. O menor foi golpeado en distintas partes do corpo, queimado nun pé e ameazado con cabos de electricidade.
Tamén o pasado sábado na mesma zona foi detido Sidahmed Liichi, de 14 anos, quen foi trasladado coas mans esposadas e os ollos vendados ao cuartel da xendarmería de El Aaiun, onde segundo fontes saharauís foi tamén obxecto de tortura. Xa o martes o procurador do rei na localidade deu orde de ingresalo na Prisión Negra.
Recibimento a nenos saharauís en Lugo e na Coruña
Por outra banda, a concelleira de Muller e Servizos Sociais de Lugo, Carme Basadre, recibiu este xoves no Salón de Plenos do Concello ao grupo de nenos saharauís que están a convivir durante o verán con nove familias lucenses.
Esta recepción encádrase dentro do convenio de colaboración entre o Concello -que subvenciona a acollida- e a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para o proxecto Vacacións en Paz. A edil felicitou ás familias de acollida pola súa solidariedade e polo seu exemplo de convivencia.
Tamén no Salón de Plenos do Concello da Coruña, o alcalde, Xavier Losada, recibiu aos doce nenos que forman parte do programa de acollida deste ano -en funcionamento dende 1993-, procedentes do campamento de refuxiados de Tinduf, en Alxeria.