A prensa internacional protéstalle a Putin pola reclusión nun psiquiátrico dunha activista opositora rusa, que está pechada á forza dende hai un mes.
Larisa Arap, xornalista rusa contraria ao réxime do presidente dese país, Vladimir Putin, está internada á forza no psiquiátrico de Múrmansk, a 1.500 quilómetros ao norte de Moscova. Pouco antes de entrar no centro, tiña denunciado nun artigo o trato vexatorio que se lles daba aos enfermos do mesmo centro psiquiátrico.
Agora a prensa internacional, encabezada pola Asociación Mundial de Xornais (WAN) e o Foro Mundial de Editores (WEF), protéstanlle a Putin pola detención da súa colega. Na carta que lle enviaron ao presidente ruso as dúas asociacións din que a detención pola forza da xornalista "lembra os abusos dos dereitos humanos na era soviética", xa que neste época, segundo din, empregábanse os hospitais psiquiátricos para illar e castigar os presos políticos, e para desacreditar as súas ideas, contrarias ao réxime.
As dúas asociacións tamén piden que entre no asunto o mediador dos dereitos humanos Vladimir Lukin, e a conselleira presidencial para os dereitos humanos, Ella Panfilova.