O Plano Sectorial de megaparques de acuicultura en terra agasalla aos veciños e veciñas de Corrubedo coa instalación meirande de todas: 308.000 m2 nunha costa prácticamente virxe e merecente de facer parte do Complexo Húmido de Corrubedo. Á desfeita paisaxística haberá que engadir tamén, as consecuencias do vertido de millóns de m3 de augas cunha forte carga contaminante, precisamente nun litoral de gran riqueza pesqueira e marisqueira.
Malia a que a superficie desta industria está estratéxicamente fóra do LIC de Corrubedo, non pode pensarse que non se van ver afectados os sensíbeis hábitats e especies de interese europeo dun espazo protexido que xa ten que soportar canteiras, campings, os vertidos industriais de dous polígonos e proximamente, se non o evitamos, tres megapiscifatorías en 10 km de costa alén da macrodepuradora de Aguiño.
Curiosamente, o lugar que a Consellería de Pesca propón para esta instalación, a punta do Corgo ou Laxe Brava, correspóndese coa superficie que Medio Ambiente quere ampliar na Rede Natura (LIC Complexo Húmido de Corrubedo). Deste xeito, Medio Ambiente recoñece a importancia dos valores naturais deste espazo mentres que Pesca quere ocupalo con 30 hectáreas de cemento!!! Este feito pon claramente de manifesto a falla de coordenación dunha administración na xestión territorial do país, alén de indicarnos que o plano sectorial acuícola está deseñado por e para os intereses das empresas do sector.
Os veciños/as e os ecoloxistas non imos tolerar que os intereses dunha empresa privada estén por riba do interese xeral na conservación do ambiente e do dereito do pobo de Corrubedo a aproveitar de xeito racional e sustentábel os recursos naturais deste espazo. Non sería tampouco de xustiza que a administración "premiara" a Corrubedo con esta instalación logo de que os seus habitantes teñan defendido e contribuído a preservar un dos espazos emblemáticos da diversidade natural galega.