En entrevista na Radio Galega o conselleiro destacou as medidas "estruturais" que a medio prazo contribuirán a reducir o risco de incendios nos montes.
A "valorización do monte" é a clave para reducir ao mínimo os lumes nos montes do país. Insistiu nesa clave o Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, durante a súa intervención este domingo nos micrófonos da Radio Galega. Na súa opinión é ese o único camiño para converter os incendios "en algo anecdótico".
Foi nesa liña que falou Suárez Canal das medidas estruturais que "necesitan un tempo" e que serían a estratexia prioritaria da Xunta. "O obxectivo é reducir os lumes ao simplemente accidental e eliminar os ocasionados por neglixencias e os intencionados", explicou.
Salientou Suárez Canal o que na súa opinión foron importantes melloras no dispositivo contraincendios deseñado para este verán, tanto no que lle toca a recursos humanos coma en materia de limpeza e vixilancia, pero laiouse de que todos os recursos serían "insuficientes" diante dunha vaga coma a do verán pasado. "Como se viu en todo o mundo, diante de situacións extraordinarias todos os recursos son insuficientes", expuxo en referencia á recente vaga de incendios en diversos puntos de Europa.