Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Organizada pola plataforma Desarme A Coruña

A Coruña súmase á conmemoración do 62 aniversario da bomba de Hiroshima

O sábado fanse milleiros de concentracións por todo o mundo para lembrar o triste lanzamento da primeira bomba atómica da historia.

Redacción - 09:30 04/08/2007
Cartaz da concentración

Cartaz da concentración

O luns fanse 62 anos do lanzamento da primeira bomba atómica da historia, e por todo o mundo hanse celebrar concentracións e manifestacións para lembrar esta barbarie e facer un chamamento polo desarme mundial, que case nunca é escoitado.

Esta ano a Plataforma Desarme A Coruña, composta por 17 asociacións veciñais e colectivos coruñeses, dedica o sábado unha xornada participativa na praza das Conchiñas dende as 18:00 horas, na que reclamarán o desarme nuclear total, o abandono, por parte das tropas invasoras, dos territorios ocupados, e o desarme progresivo e proporcional, en todas as rexións, das armas de destrución masiva (incluíndo as biolóxicas e químicas).

Os asistentes ao acto pintarán as súas mans e varios paneis, exporán graffitis feitos polos rapaces, haberá varios cantautores, unha exhibición de artes marciais de filosofía non violenta, confeccionarán de grúas de papel -costume xaponesa para conmemorar esta data-, haberá pallasos, malabares... e á volta das 20:30 horas, todos os asistentes farán un círculo no que cada quen, portando unha candea acendida, "alumearán a Paz" e farán un pedido "exhortando aos países e grupos que teñan armas de tipo nuclear á súa destrución".

62 anos da bomba de Iroshima

A cidade xaponesa de Iroshima foi obxecto do primeiro bombardeo atómico da historia, o 6 de agosto de 1945, xusto cara o final da Segunda Guerra Mundial, pola aviación dos EUA. Co bombardeo pretendíase culminar a última Gran Guerra, mais esta terminou co asasinado de 75.000 xaponeses e xaponesas, e deixando case 300.000 feridos, entre os que houbo unha gran cantidade que presentaban variacións e mutacións xenéticas -debidas á radiación á que foron expostos- que perduran até hoxe entre a poboación nipona.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: