Segundo os números de Xosé Antón Orza, voceiro económico do PPdeG, a Xunta non gastou "nin un só euro" dunha ducia de programas. Os primeiros en responder, desde Vicepresidencia, din que ao ex conselleiro lle fallou a calculadora.
"Traballo, Vivenda e Política Territorial son os máis preguiceiros", expoñía Xosé Antón Orza este mércores. Na lista coa que acudía á conferencia de prensa, Orza destacaba unha ducia de programas que segundo aseguraba teñen nula execución: "0% de obrigas comprometidas" reprochou. Entre estes estaría programas de fomento da calidade da vivenda, de intermediación e inserción laboral ou de protección e apoio das mulleres que sofren violencia de xénero.
"É de escándalo", asegurou Orza, para quen se trata das consecuencias de "problemas de coordinación e de falta de persoal cualificado nos postos de alta dirección". Na súa opinión, un Goberno que fixo bandeira dos programas de contido social "presenta unha execución orzamentaria practicamente nula nese ámbito no primeiro trimestre de 2007". Ao fío, agoirou que o executivo rematará o ano cunha baixa execución orzamentaria "igual que o ano pasado, cando pechou no 75%", dixo.
Desde Vicepresidencia aseguran que se executou por riba do 80%
Da ducia de programas citados polo ex conselleiro, desde Vicepresidencia respondíalle poucas horas despois á situación de dous baixo a competencia dese departamento: o programa de protección e apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero e ao de conciliación da vida laboral e persoal. Incluídos nos orzamentos da Secretaría Xeral de Igualdade para este 2007, aseguran que o grao de execución "acada o 80% dos seus orzamentos".
Con todo, concédenlle ao ex conselleiro que se cadra "na exposición destes datos erróneos non existiu mala intención ao provir dunha persoa cunha ampla traxectoria técnica como é o caso do señor Orza", polo cal lle atribúen as afirmacións do PPdeG á análise de informacións "pouco actualizadas".