Os indonesios impuxeron durante a ocupación a súa lingua, que agora fala a meirande parte da poboación.
Bandeira de Timor Leste
A situación da lingua portuguesa en Timor Leste é paradoxal. O idioma, que recuperou a oficialidade coa independencia do país, xa non o entende unha boa parte da poboación. Así, dáse a circunstancia de que os tribunais, as escolas e o Goberno falan nunha lingua que xa só os máis vellos entenden, e precísanse tradutores.
Nunha reportaxe do New York Times, indícase que as linguas máis faladas na nova democracia son o tétum, de orixe autóctona, e o indonesio, oficial durante a ocupación do país, dende 1975 até a independencia, en 2002. O portugués, lingua de resistencia, perdeu falantes entre as novas xeracións, que agora teñen dificultades en comprender o novo idioma oficial. O paradoxo é que a meirande parte da poboación conserva nomes e apelidos portugueses, pero a ocupación indonesia tivo éxito na prohibición do uso da lingua e a substitución pola dos segundos colonizadores.
Ensino do portugués
Profesorado procedente de Portugal estase a encargar de reintroducir a antano lingua colonial. E está a ter éxito, pois segundo os datos das Nacións Unidas, no ano 2002 só o 5% dos 800.000 habitantes do país falaba portugués. Dous anos despois, o 36% aseguraba entender a lingua, fronte a un 85% que comprendía tétum, o 58% indonesio e o 21% inglés.
Aínda que a Constitución recoñece a oficialidade do portugués e mais do tétum, a lingua local, que convive con outros quince idiomas indíxenas, aínda non está o bastante desenvolvida para os negocios. Así, o portugués converteuse na lingua do poder, dando lugar a unha estraña situación de diglosia.
En declaracións ao New York Times, o presidente da República, José Ramos-Horta, afirmou que se está a reconsiderar a política lingüística, polo que o inglés e o indonesio poderíanse converter tamén en linguas oficiais. “Non vexo ningún problema en que unha nación teña catro idiomas oficiais”. Despois de que a poboación se afaga ás linguas, “poderémoslle dar ao pobo a opción de escoller dúas delas como obrigatorias”.