Este luns terá lugar unha xuntanza en Tui para estabelecer un sistema de recollida de información que permita coñecer o perfil psicolóxico dos incendiarios.
Este encontro reunirá ao fiscal coordinador de incendios do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela, , Álvaro García Ortiz, especialistas do Seprona, profesionais do de equipo de psicólogos da Garda Civil e do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e as instancias portuguesas relacionadas coa queima de montes.
A xuntanza, que se desenvolverá dende as 12.00 no Parador de Tui, servirá para determinar instrumentos de recolla de información a respecto das persoas que provocan incendios forestais. En Portugal foron entrevistadas 74 persoas nas prisións para coñecérense as súas motivacións, de xeito que se poidan planificar estratexias policiais preventivas.
Xa se realizou unha xuntanza o 24 de novembro do ano pasado con especialistas da Policía Judiciária portuguesa en materia de incendios forestais, promovido polo fiscal xefe do TSXG, Carlos Varela.
Responsabilidade da Garda Civil
Un informe redactado pola Garda Civil descartaba a posibilidade dunha trama organizada detrás da onda de incendios de agosto do ano pasado, cando se calcinaron máis de 82.000 hectáreas, e o fiscal xefe do TSXG ditou un decreto para abrir a investigación sobre o perfil psicolóxico e social dos incendiarios.
Para iso esixe que a Comandancia da Garda Civil dispoña de medios para realizar o traballo de campo a través das súas unidades centrais, e que os membros do corpo con esta misión teñan a consideración de policía xudicial.