Presentáronse no Club Internacional de Prensa, na mañá deste sábado os datos máis destacados da última enquisa sobre O Clima Social de Galicia.
O secretario xeral de Análise e Proxección da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Rivera Otero, salientou, xa a o comezo, que o material fora entregado unha hora antes aos grupos parlamentarios: "reciben a matriz pura de microdatos coa que traballamos nós, de xeito que poidan facer a súa análise particular". Salientou tamén que o estudo ten unha característica especial, ao ser realizado nun momento postelectoral, e incidiu especialmente que non se deben confundir as respostas á enquisa cos feitos reais: "o que se tenta medir son as percepcións e sensacións xerais da xente".
A seguir repasou o novo informe trimestral e transmitiu o clima de optimismo sobre as situacións económica e política: un 30.1% da mostra cualifica a situación económica galega actual de Galicia como boa ou moi boa, fronte a un 27.3% que a ve como mala ou moi mala. En canto á situación política, un 35.5% dos consultados considéraa moi boa ou boa, fronte a un 20.5% que a cualifica como mala ou moi mala. Ademais, as previsións de futuro e a percepción con respecto ao trimestre anterior melloran, "un elemento destacábel", como indicou Rivera Otero: "a cidadanía percibe unha melloría e confía en que vaia a máis".
Descende considerabelmente a preocupación sobre o emprego
Segue a ser o principal problema para os galegos, pero baixa nada menos que 13 puntos con respecto ao ano pasado (está nun 24,1%): "Só un de cada catro galegos sente que o paro e o relacionado co traballo son as principais problemáticas de Galiza, cando hai un ano eran a metade da poboación", indicou Rivera. As preocupacións dispersáronse cara outras cuestións, entre elas a vivenda (que si subiu 2 puntos con respecto ao ano anterior, cun 9 %), a sanidade (6,1%) ou as baixas retribucións salariais e a carestía da vida (3,7%).
"Nunca tan poucos galegos pensaron no traballo como principal problema", indicou o secretario xeral, "o que demostra que algo está cambiando na nosa percepción do país". Explicou que se os datos do paro indican descenso, a percepción da cidadanía non sempre é tan optimista, e o feito de que baixase tanto a preocupación sobre o mundo laboral "é sintomático de que deixamos de sentírmonos país subvencionado, comunidade pobre. Iso nótase nun cambio de cultura do mundo do traballo, hai máis risco, maior iniciativa empresarial".
Os partidos políticos a exame
Na valoración dos líderes políticos galegos, Emilio Pérez Touriño, segue a ser o líder mellor valorado, cunha valoración media de 5.78. Séguelle, Anxo Quintana, cun 5.29, e finalmente, o líder da oposición e voceiro do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, cunha valoración de 4.34. Ademais, o 59.1% dos galegos aproba a xestión do actual goberno da Xunta de Galicia, "uns niveis altísimos".
O goberno autonómico é a institución mellor valorada polos galegos, cun 36.7%, e ademais, o 49.8% dos entrevistados afirman estar moi ou bastante satisfeitos co funcionamento nos últimos anos da Comunidade Autónoma de Galicia.
O estudo tamén reflicte que as políticas galega e a municipal son as que máis interesan os galegos, cun 56.3% a quen lles interesa moito, bastante ou algo a política municipal e un 55.6%, a autonómica. Detrás séguelles a política española, o que "demostra a consolidación autonómica", segundo Rivera Otero: "a través de días vertentes, por unha parte en canto ao ámbito competencial da autonomía con respecto ao do Estado, e pola outra, en canto á forza ou capacidade de empatía e de representación do goberno galego".
Despois das eleccións
O secretario incidiu especialmente en non tomarmos os datos intencionais como reais, xa que " a xente tende a dicir que votou a partidos cara aos que está efectuando a súa transición de voto". Cambia moito a vontade de participación da acción diferida.
O que si cabe salientar é que a maioría dos galegos e galegas están satisfeitos co resultado das eleccións municipais, tanto globalmente como no seu concello. En canto ás razóns do voto, case un terzo dos enquisados afirma que vota co candidato ou candidata á alcaldía como máxima motivación.
Un apartado en que a enquisa incidiu especialmente foi nas cifras de abstención, abstención deliberada e consciente en particular. A este respecto, "o PSOE e o PP foron os partidos que máis sufriron os efectos da abstención", con cifras próximas ao 20 %, mentres que só o 8% das persoas que se abstiveron afirman que o seu comportamento habitual era votar ao BNG.