Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Iván Cuevas, neofalante de galego e xornalista

"Nos atrancos ao ensino do portugués están as consecuencias da non permisividade española"

É asturiano, pero xa leva un tempo vivindo na burbulla compostelá, falando galego con soltura e escribindo en varios medios de comunicación e en varias normativas a un tempo.

A. Rodríguez - 10:00 29/07/2007
Iván Cuevas

Iván Cuevas

Falouse moito nos últimos tempos do galego exterior e fixéronse varios traballos, estudos e achegamentos ao galego, por exemplo, do Eo-Navia. Iván Cuevas (Xixón, 1982) coñece ben o galego que se fala nesta zona, pero el é dun chisco máis alá. Naceu en Xixón hai vintecinco anos, mais hai uns sete que veu a Compostela, a estudar. Naquela altura xa falaba asturiano, e aprendeu o galego nun brinco, comezou a estudalo e hoxe ten varios traballos publicados na nosa lingua... El é un dos chamados neofalantes de galego, que ademais non ten problemas para arrincar falando e escribindo esturiano ou castelán.

Ao comezo non, mais após os primeiros tentos, resultoulle ben doado falar e escribir galego, e agora mesmo escribe en varias normativas distintas -na ILG e máis na AGAL, controlando tamén o portugués padrão-. É xornalista e fáltalle un nada para ser lingüista.

En asturiano tamén ten publicado varios traballos na revista da Academia de la Llingua Asturiana, como un sobre un grupo asturianista que operaba en Barcelona nos 70. Fóra diso tamén publicou traducións á súa lingua, e algunha cousiña de creación literaria aquí ou acolá.

Quixemos coñecer a súa opinión sobre dous dos conflitos lingüísticos do norte do Estado que el ben coñece, -o galego e o asturiano-, e el deunos a súa opinión. Eis:

Na actualidade está a traballar no xornalismo?

Si, agora estou a vivir do xornalismo. Antes diso, pasou o tempo entre estudos -quer de xornalismo, quer de filoloxía románica-, e pequenos traballos de xornalista, sempre escribindo en galego, que para min non foi nada doado. Agora mesmo, estou a traballar no Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza. Ademais, colaboro habitualmente co mensual Novas da Galiza e estou acabando Filoloxía Románica na Universidade de Oviedo. No pasado traballei para o xornal Galicia Hoxe, e tamén fixen algunha colaboración con Les Noticies, en Asturias.

Como chegou a Galiza?

Vin a Galiza polos estudos de xornalismo, que non os hai en Asturies. Xa coñecía o país relativamente ben, mais tendo en conta que as outras opcións preto da casa eran Salamanca ou Bilbao, creo que o que máis pesou daquela foi o feito de ser unha universidade pública, e o clima.

E cando comezou a empregar o galego como primeira lingua?

Non sei... Aos poucos de estar aquí, dous ou tres meses. Claro que era un galego bastante trapalleiro. Mais para falar unha lingua cómpre perderlle o medo a falala mal. Se non fas tal, nunca dás arrincado. Resultoume abondo doado comezar, xa que gran parte do meu grupo de amigos era galegofalante e tendo en conta que eu os entendía, só tiña que dar o paso e pórme a imitalos. Ademais, é realmente doado aprender unha lingua cando xa falas outra da mesma familia, e eu co asturiano xa falaba a máis achegada ao galego-portugués.

Tivo que pasar algunha proba para traballar nos medios de comunicación en galego?
A verdade é que non, mais hai ben pouco fun facer a proba de perfeccionamento en lingua galega. Foi ben sinxela, mais non sei se é a mellor maneira de avaliar o coñecemento do galego como título oficial. Na realidade galega, igualar este título aos estudos de galego en bacharelato significa presupor que os bachareis adquiren un coñecemento real do galego que non sempre é así. Por outra parte, a nivel técnico, dubido do oportuno de certas preguntas, máis enfocadas a coñecer as teimas dun certo galego "culto" -o da televisión Galega, por exemplo- que a avaliar o verdadeiro coñecemento da lingua. Tampouco creo que sexa moi axeitado estabelecer unicamente dous niveis. En calquera caso, este era o último ano deste sistema, e vaise aplicar un máis conforme co que se utiliza en todas as linguas europeas.

Pensa, neste sentido, que é preciso que toda a xente que veña traballar a Galiza, por exemplo na Admisnitración, deba ter un coñecemento completo da lingua galega?

É preciso, mais iso xa fai ver a situación anormal da lingua galega. Nunha sociedade en que unha lingua é o vehículo de comunicación entre os seus membros, non é preciso esixirlles a aprendizaxe aos acabados de chegar. Xa a aprenden eles por necesidade, e ben. En Galiza vese iso, mais con outra lingua: aprenden o español. Por tanto, o galego convértese nunha especie de "lingua estranxeira" para traballar na Administración. Pódese facer o exame en español e relegar o galego a unha proba accesoria. Eis o paradoxo. Fálase de liberdade de idioma, mais non podería facerse iso co inglés ou co pulaar.

Cal é a súa opinión sobre a situación sociolingüística en Galiza?

Non son apocalíptico, xa que creo que durante os últimos anos, malia a todo, xurdiron neofalantes que puideron polo menos frear a perda de falantes maternos. Mais preocúpame o feito de que, ao meu ver, o movemento de reivindicación lingüística non se soubo adaptar ás grandes mudanzas na sociedade galega. Agora, estase a centrar a loita nas empresas, cando nos usos públicos e da Administración queda aínda moito por facer. Ademais, temo que nas cidades se poida producir, a medio prazo, unha inversión social dos falantes, onde, entre as novas xeracións, falar galego sexa unha cousa do funcionariado e certas profesións liberais, de clases máis ou menos acomodadas, mentres entre as clases baixas maioritarias se fale castelán -aprendido-, coa intención de medrar. É algo que xa pasou en Cataluña. Mais alí, cunha sociedade civil moi pola defensa do idioma, pódese frear a situación. Aquí sería un desastre.

Despois, claro está, está a deturpación da lingua por termos como lingua teito do castelán: perda da prosodia, dos xiros, da fonética... Centrouse a atención moito tempo na perda do léxico e, mentres, houbo moitos outros ámbitos que se estiveron a castelanizar, ademais do léxico, mesmo dende os propios normativizadores, por veces.

Cal é a súa opinión sobre a obrigatoriedade e estudar unha segunda lingua estranxeira en Galiza, nos cursos de 1º e 2º da ESO? Cre que sería bo que esa segunda lingua escollida fose o portugués?

Cantas máis linguas se estuden mellor. Mais non se poden estudar de calquera maneira. Agora mesmo, en Europa, os últimos estudos están a darlle pulo a aprendizaxe de varias linguas ao mesmo tempo, aproveitando as súas semellanzas -por exemplo, as linguas máis faladas da familia románica, todas a un tempo-. Está claro que un neno galego falante ou castelán falante vai aprender máis rápido e mellor o portugués ou o francés que o chinés, sen prexuízo de que se poida ofertar ou non esta última lingua.

No caso do portugués hai máis razóns obvias para a necesidade da súa aprendizaxe, mesmo para alén das lingüísticas e políticas. É a lingua dun país veciño, e calquera galego vai ter de media máis relación -laboral, social, persoal...- con Portugal que, poño por caso, con Francia.

Nalgúns lugares como Andalucía ou Extremadura moitos dos cativos están a escoller os portugués como segunda lingua, mais non acontece o mesmo en Galiza; a que cre que é debido?

Sabía isto, e creo que se trata dunha cuestión política. A lingüística, como feito social, sempre está relacionada coa política. O caso andaluz non o coñezo, mais na Estremadura española sei que fixeron unha aposta forte polo portugués porque o futuro de gran parte dos estremeños olla cara a Portugal. Se en Galiza non se fixo, foi fundamentalmente por un medo político.

O propio Eugenio Coseriu, filólogo románico, di nun seu texto que mentres Galiza forme parte dun estado unitario español, este non vai permitir que a lingua galega se reintegre co portugués, porque faría perigar as fronteiras. Nos atrancos ao ensino do portugués están as consecuencias desa non permisividade.

Cal é, ao seu ver, a situación sociolingüística da súa outra lingua, o asturiano?

O asturiano está nunha situación bastante mala. Temos falantes maternos moi puros, a maioría no rural, e unha masa de neofalantes urbanos que en gran parte non deu conectado ou non quere conectar con aqueles. O resultado: unha lingua patrimonial que esmorece e unha lingua "culta" deturpada, cada vez máis castelanizada mais "aquelada" cunha cerrazón léxica que acaba por provocar que ninguén a entenda.

Tamén hai falantes espontáneos nas cidades, claro está. Todo o centro de Asturias é urbano, e conserva relativamente ben a lingua. Mais aquí entra en xogo outro fenómeno: o amestao, unha mestura de asturiano e castelán que é lingua franca en todo o centro. O amestao puido servir para manter a lingua moito tempo en usos privados, mais a súa progresiva castelanización nos usos públicos fixo por ferir de morte ao asturiano. O paradoxo está en que falantes de asturiano crean una sociedade na que se visibiliza só o castelán -ou un castelán con "xiros" dialectizantes-, e acaban cambiando de lingua por creren vivir nesa realidade castelán falante que eles mesmos contribuíron a formar.

Como comezou vostede a falar asturiano? Falouno dende sempre?

Eu son fillo de emigrantes en Asturias. Por tanto, a miña lingua era o castelán. Mais, mesmo dentro dunha cidade como Xixón, e malia a que os usos do asturiano estean moi tapados polo castelán público, era imposíbel non dar con esa realidade.

Para min o punto de inflexión foi cando unha profesora da escola preguntou en español "¿Tenéis fame?" e eu non a entendín. A partir daí tentei fixarme máis. Tíveno relativamente fácil, pois nacín nos anos do segundo Surdimientu e a lingua comezaba a ter unha mínima presenza pública. A situación da lingua agora é mala. Temos unha norma que arrastra os prexuízos dialectalizantes da "Teoría de los bables" e non acaba de unir todas as variantes e un movemento de reivindicación que, na súa maior parte, parece máis interesado en usar o asturiano para escribir poesía ou facer pancartas e faixas que para crear un verdadeiro uso público.

E hai axudas para o mantemento, normalización e expansión da súa lingua por parte do goberno asturiano?
O goberno asturiano, do PSOE, négase reiteradamente a promover a lingua, deixándoo todo en campañas supostamente ben intencionadas. Hai pouco, un membro dese goberno recoñecía que mesmo estaban a negar a categoría de lingua para o asturiano ao negárense a recoñecelo como oficial. E mentres, afirmaba que estaban a o apoiar.

O asturiano é unha lingua cun movemento de reivindicación relativamente curto, que comeza no 74, malia que poida haber antecedentes. Dende ben cedo, a súa reivindicación principal foi a oficialidade da lingua. Mais algo se fixo mal, a nivel político ou social, porque seguimos nas mesmas. E dende logo non é só culpa do PSOE, principal opositor, mais tamén do noso propio movemento: fragmentado, enfrontado e ás veces completamente desnortado. O avance máis significativo a nivel da administración foi o ensino nas escolas. E nin sequera é obrigatorio, senón voluntario.


4,8/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha outra imaxe de Iván Cuevas
Unha outra imaxe de Iván Cuevas
Mapa de Asturias
Mapa de Asturias
Iniciativas polo asturiano, do Concello de Xixón, de onde é Iván Cuevas
Iniciativas polo asturiano, do Concello de Xixón, de onde é Iván Cuevas
Cuadriño de humor en Asturiano
Cuadriño de humor en Asturiano
Manifestación pola "oficialidá" do asturiano e o castelán (Astura.org)
Manifestación pola "oficialidá" do asturiano e o castelán (Astura.org)
Unha bandeirola nunha manifestación pola oficialidade do asturiano
Unha bandeirola nunha manifestación pola oficialidade do asturiano
Imaxe da celebración do Día de Les Lletres Asturianes, o pasado 7 de maio
Imaxe da celebración do Día de Les Lletres Asturianes, o pasado 7 de maio