Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A traxectoria do empresario coruñés

Jove: de carpinteiro a financeiro

Principalmente coñecido pola creación e desenvolvemento da inmobiliaria Fadesa, Jove comezara profesionalmente no obradoiro de carpintería de seu pai.

Redacción / Europa Press - 10:30 25/07/2007

Manuel Jove, nado na Coruña en 1941, dedicou toda a súa traxectoria profesional ao negocio inmobiliario, sendo principalmente coñecido pola creación e desenvolvemento da inmobiliaria Fadesa.

E con todo, a súa primeira actividade foi a aprendizaxe do oficio de carpinteiro no taller do seu pai, experiencia da que tirou para os 17 anos gañar xa a vida fabricando portas. Na década dos setenta creou Edificacións Coruñesas (Edicosa) que, xa en 1980, derivou en Fadesa. A familia Jove logrou que en pouco máis de tres décadas de existencia esta empresa se posicionase como unha das primeiras do sector. Cotizada en bolsa dende 2004, estendeuse por todo o Estado, e fíxose con presenza en Marrocos, Portugal, Francia e Europa do Leste.

No entanto, no marco da reestruturación que o pasado ano afectou aos principais grupos inmobiliarios españois, o empresario galego acordou vender a participación de control do 54,6% que mantiña en Fadesa ao tamén empresario do sector Fernando Martín por 2.308 millóns de euros.

Dende entón, Jove, a través de distintas sociedades, veu buscando novos obxectivos para investir o capital obtido do 'ladrillo', que finalmente atopou nos sectores do lecer (Parque Warner), o téxtil (Caramelo), a enerxía (Vetra) e agora o sector financeiro (BBVA).

Visión clara para os negocios
Os que o coñecen definen a Jove como un home de personalidade "irresistíbel", un grande emprendedor e un traballador incansábel, cunha grande visión para os negocios.

O empresario é un home entregado ao traballo e á súa familia, e que aínda mantén como afección o labor de artesanía da madeira, aquel que fora o seu primeiro oficio, herdado do pai. Entre as súas paixóns tamén figura a arte e conta cunha importante colección de pintura, tanto antiga como contemporánea, fundamentalmente de artistas galegos.

Así mesmo, tamén se caracterizou pola súa inquietude por iniciativas sociais. En marzo de 2002 constituíu a Fundación María José Jove, en memoria da súa filla falecida ese ano e que, presidida pola súa outra filla, Filipa Jove, impulsa distintas liñas de actividade a favor da infancia. Entre outros, Manuel Hove obtivo a "medalla Castelao" en 2005 e o premio ao "mellor empresario galego" en 2004.


2,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: