Durante o primeiro semestre de 2007 o Banco Pastor incrementou beneficios nun 25,1% respecto ao ano anterior, alcanzado os 105,2 millóns de euros.
O Grupo Banco Pastor comunicou este martes que o seu resultado total antes de impostos sobe a 156,3 millóns de euros, un 27,9% máis ca o ano anterior. A entidade pecha a metade do exercicio de 2007 cun resultado atribuído ao grupo de 105,2 millóns, incremento do 25,1%. Con todo, a cifra queda lixeiramente por debaixo das estimacións dos analistas, que previran como media unha mellora do beneficio do 26%. "A conta de resultados amosa unha gran fortaleza do negocio comercial e mostra unha aceleración en todas as marxes respecto ao trimestre anterior", indican.
O banco informou do incremento interanual do 23,8 por cento no seu volume de negocio, até 39.243 millóns de euros. Os recursos xestionados de clientes aumentaron un 22,6%, a 16.110 millóns de euros, mentres que o investimento crediticio fíxoo nun 24,6%, até 23.133 millóns de euros, sostida principalmente polo segmento de pequenas e medianas empresas.