O maxistrado xa foi denunciado por outra parella polas súas sentenzas homófobas. É o primeiro caso que se dá dende a aprobación da Lei do Matrimonio Homesexual.
"Ou a túa parella ou as túas fillas", esta é a frase que recolle o auto redactado por un xuíz de Murcia, Fernando Ferrín, que considera que a relación de parella desta muller "prexudica o desenvolvemento das súas nenas", e polo tanto resolveu retirarlle a custodia das pequenas.
A Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (FELGTB) fixo público na segunda feira este caso que, considera, atenta contra os dereitos básicos dos cidadáns.
Antes de chegar aos xulgados, a cousa comezaba no domicilio da acusada. O seu home descubría a homosexualidade da súa parella, comezaban os trámites de divorcio e despois disto, viña esta sentenza que priva á muller da custodia das súas fillas, a favor de seu home. O motivo que dá o xuíz: "Está demostrado que a muller é lesbiana".
Segundo o xuíz Ferrín, "a condición homosexual prexudica os fillos, que teñen dereito a un pai e a unha nai, non a dous pais e a dúas nais. Os máis prestixiosos especialistas xa o determinan, mais non é preciso ser especialista, o sentido común así o di". Outra frase recollida pola FELGTB deste xuíz é claramente homófoba: "o ambiente homosexual prexudica aos menores e aumenta o risco de que estes tamén o sexan".
Unha sentencia sen precedentes
A FELGTB explica que non houbo máis sentenzas deste tipo no Estado Español, tras a aprobación da Lei do Matrimonio Homosexual, cuestionada tamén no auto deste xuíz. Varias asociacións de mulleres pensan denunciar tamén o caso ante o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e ante diversas asociacións de xuíces..
O maxistrado murciano xa foi cuestionado máis dunha vez polos seus presuntos prexuízos homófobos e actualmente está a ser investigado polo Tribunal Superior de Xustiza de Murcia tras a denuncia doutra parella homosexual.