No centro do núcleo de Ortigueira ubícase o Campo da Torre, promontorio emblemático da vila que aporta caracter singular á súa orografía, ocupado polos restos dunha fortaleza medieval que anteriormente foi castro. É zona arqueolóxica catalogada por Patrimonio e incluso tentouse o seu recoñecemento coma Ben de Interese Cultural, catalogación que non lle corresponde pola súa natureza pero que foi aducida para a expropiación da parcela que acolle o castro a favor da Fundación Ortegalia que preside o alcalde.
Nembargantes tanto a administración municipal coma a devandita fundación están a amosar unha absoluta despreocupación pola conservación do ben patrimonial e o Concello resulta ser agora un axente directo da súa destrución. As primeiras intervencións do municipio no conxunto foron xa obxecto de denuncia en Patrimonio polo uso neglixente de maquinaria pesada a carón da antiga fortificación.
Pero a súa actuación mais grave é a concesión case hai un ano dunha licenza municipal que permite a edificación de 67 vivendas no contorno inmediato do Campo da Torre. A promoción inmobiliaria da empresa Os Celtas propiedade de dous irmáns do alcalde, supón unha agresión contra bens patrimoniais protexidos pero asemade vulnera a lexislación urbanística municipal porque incumpre o artigo 291 que prohibe edificar nos cen primeiros metros que circundan a zona arqueolóxica e porque non respecta a edificabilidade permitida pola normativa.
Ambas infracións, de carácter moi grave, foron postas en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio, da Dirección Xeral de Urbanísmo e de SE.PRO.NA. sen que até o momento tiveramos resposta satisfactoria de ningunha destas institucións. A Asociación Ortigueira Sostible conxuntamente con ADEGA, manifestan a súa preocupación polo grave e irreversible deterioro que pode supoñer, se non se detén, esta intervención urbanistica tanto para o conxunto arqueolóxico coma para os elementos paisaxísticos que asímesmo protexe a lei.
Por estes motivos esixen a inmediata paralización das obras e a revisión da licenza por parte das administracións autonómicas competentes para que se restitúa a legalidade urbanística e se deteña definitivamente este proceso destructivo que está a amparar o Concello de Ortigueira.