Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
PRESENTOUSE EN COMPOSTELA

O manifesto 'Ensino en galego' xa está na rúa

As catorce organizacións máis representativas da comunidade educativa recollen asinaturas en prol do decreto de normalización.

Redacción - 18:01 20/07/2007

Sindicatos, asociacións de pais e outros colectivos que apoian esta campaña presentaron este venres en Compostela, no Auditorio de Galicia, o manifesto a prol da normalización do noso idioma no ensino. Anunciaron que a campaña será especialmente intensa ao comezo do curso escolar.


TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO

Ensino en Galego

O sistema educativo non garantiu, até o de agora, nin tan sequera que o alumnado puidese finalizar o ensino obrigatorio cunha competencia comunicativa en galego igual á conseguida en castelán, a pesar de que ese é legalmente un dos obxectivos da escolarización. Aínda é máis grave o feito, sinalado unanimente por todos os estudos oficiais, de que a escola incide no abandono do galego por parte de moitos nenos e nenas.

A pesar dos esforzos de moitos pais e nais, profesoras e profesores, estudantes, persoal administrativo e da sociedade en xeral, non se conseguiu introducir un proxecto global de aprendizaxe na lingua propia do noso país: o galego. En calquera sociedade do mundo resultaría cando menos paradoxal que a institución escolar cumprise un papel pouco favorábel ao desenvolvemento da súa propia lingua.

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1997), a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), representan tres grandes acordos para avanzar na normalización lingüística que se subscribiron no último decenio por unanimidade nos diversos foros de representación democrática. Acordos que, porén, non conseguiron acadar os obxectivos previstos, ao non se facer efectiva durante todo este tempo a súa aplicación. Lembremos a ese respecto o contundente informe aprobado en 2005 polo Comité de Ministros do Consello de Europa, no que recordaba que o sistema educativo galego non estaba á altura dos compromisos de normalización lingüística adquiridos a nivel internacional polo Estado español.

As persoas e entidades que apoiamos este manifesto consideramos que a aplicación do decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, debe significar un punto de inflexión nesta dinámica. Porque sabemos que, avanzando no proceso de normalización, o ensino gañará en calidade, en proximidade e mesmo en logros académicos, ao afortalar as destrezas lingüísticas do alumnado.

Facemos un chamamento ao conxunto da comunidade educativa para que este novo decreto sexa cumprido plenamente no curso 2007/08, e á Administración educativa para que garanta ese cumprimento, pondo para iso todos os medios humanos e económicos que foren precisos. Singularmente, demandámoslle á Administración educativa a dotación do profesorado necesario, plans ambiciosos de formación do profesorado e do persoal administrativo, unha actitude próxima e dilixente da inspección de ensino e campañas de sensibilización dirixidas a desterrar os prexuízos existentes sobre a presenza escolar do galego.

O galego é un patrimonio común e un elemento de unión de todas as galegas e de todos os galegos. A todas e todos beneficia e a ninguén prexudica que poidamos vivir e aprender no noso idioma.

Organizacións que subscriben o manifesto
- A Mesa pola Normalización Lingüística.
- AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega).
- CAE (Comités Abertos de Estudantes).
- CC.OO.-Ensino (Comisións Obreiras).
- CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega).
- CONFAPA (Confederación Galega de APAs de centros públicos).
- FERE-CECA (Federación Española de Relixiosos de Ensino – Centros Católicos).
- FETE-UXT (Federación de Traballadores do Ensino - Unión Xeral de Traballadores).
- FSIE (Federación de Sindicatos Independentes do Ensino).
- Mocidade pola Normalización Lingüística.
- Nais e Pais polo Ensino en Galego.
- NEG (Nova Escola Galega).
- Sindicato de Estudiantes.
- STEG (Sindicato de Traballadoras/es do Ensino de Galiza).

Podes consultar aquí o texto definitivo do decreto aprobado polo Goberno.


4,98/5 (49 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: