A Medio Rural non lle coinciden as cifras coas de CCOO e CSIF; a consellaría di que pararon 53 persoas e os sindicatos que foron 800.
A Consellaría de Medio Rural dixo que eran 53 os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios (SDCIF) que secundaron hoxe a primeira xornada dos dous días de paro, convocados polos sindicatos (CCOO e CSIF) para demandar un acordo "digno e xusto" que equipare "as súas condicións laborais ás do resto do seu persoal" da administración.
Este operativo está integrado por unhas 1.550 persoas, das que, segundo a Xunta, só o 18 % se mobilizou na mañá da quinta feira. Mais os sindicatos convocantes din que o paro foi total, e que só se mantiveron no seu posto os "abusivos" servizos mínimos decretados, polos que o 40 % do cadro debe permanecer alerta nesta época de "alto risco forestal".
Actos vandálicos en varios distritos do monte galego
Medio Rural tamén informou da realización de actos de vandalismo no distrito forestal da Baixa Limia, onde se causaron danos en 14 vehículos e nas portas dos garaxes e da caseta de vixilancia. Tamén no distrito d'O Ribeiro-Arenteiro rebentaron as rodas de tres motobombas, e no distrito Valdeorras-Trives danaron un todoterreo e selaron as portas con silicona.
O departamento de Suárez Canal considerou que estes feitos son un "atentado", ao se produciren en época de alto risco contra parte dos complementos do dispositivo de extinción que está en alerta.