Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
REGANOSA: HISTORIA DUN DESPROPÓSITO

A hipoteca do gas

Discutida na rúa e cuestionada nos tribunais, Reganosa está a piques de entrar en funcionamento. Segura ou non para a vida da xente, a regasificadora de Mugardos é aínda máis perigosa para a memoria. A súa xestación é un catálogo da temeridade. Unha reportaxe de Iago Martínez con fotografías de Tamara de la Fuente.

TEMPOS Novos - 08:00 18/07/2007

Un titular e unha imaxe viraron de súpeto dez anos de historia de Reganosa. A imaxe pública da planta de Mugardos, unha regasificadora de 435 millóns de euros a piques de entrar en funcionamento, mudou cando a opinión pública coñeceu o que Manuel Fraga e o empresario galego Roberto Tojeiro pactaran en xullo de 2000. Aconteceu o pasado 27 de maio, cando algúns medios, non todos, nin sequera todos os que tiveran acceso ao documento, fixeron público o convenio que o ex presidente da Xunta e o propietario de Gadisa asinaran en San Caetano, baixo unha inusual cláusula de confidencialidade, para garantir a rendibilidade da iniciativa. Dúas semanas despois, o 6 de xuño, unha ducia de barcos facía o resto na ría de Ferrol ao bloquear a entrada do primeiro gaseiro que a planta agardaba para o seu programa de prácticas. A imaxe dos pequenos pesqueiros desafiando o xigantesco perfil do Galicia Spirit mobilizou aos ferroláns e deu paso a un mes inzado de disturbios, polémicas e consignas. Reganosa está na boca de todos.

Regasificadora del Noroeste é unha sociedade creada en 1999 e participada por Endesa Generación (21%), Unión Fenosa (21%), Grupo Tojeiro (18%), Caixa Galicia (10%), a alxerina Sonatrach (10%), a Xunta de Galicia (10%), o Banco Pastor (5%) e Caixanova (5%). A súa planta regasificadora de gas natural licuado (GNL), aínda en probas, ocupa unhas dez hectáreas en Punta Promontoiro, no termo municipal de Mugardos. O peirao e mais os tanques de almacenamento, de onde parten os gasodutos cara ás centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes, están situados sobre un recheo na beira sur da ría de Ferrol, a uns 800 metros do núcleo urbano de Mugardos e a 1,2 km de Ferrol. Moi cuestionada dende o principio, precisamente pola súa proximidade á poboación, a planta está a ser arestora abertamente contestada por un sector da sociedade ferrolá, como demostraron as cinco mil persoas que saíron ás rúas o pasado 3 de xuño.

"Fixen o que tiña que facer e díxenllo a quen llo tiña que dicir. Non quero volver falar de Reganosa"
Guillermo Romero Caramelo, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol en 2001

Máis que vítimas dun proceso imparábel, foron oportunidades perdidas para reconducir un proxecto que talvez nunca deixou de ser estratéxico para a política enerxética do país. Guillermo Romero era presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol en febreiro de 2001, cando tocaba regularizar un recheo de 123.000 m2 en Punta Promontoiro, onde só se autorizaran 59.000 m2, e un dragado ilegal que servira para poñer un calado de 14 metros onde só había 12,5. Agora non quere nin sentir falar de Reganosa nin explicar por que foi cesado de urxencia xusto nese intre. "Fixen o que tiña que facer e díxenllo a quen llo tiña que dicir", apón. A mesma pregunta poderíaselle formular a Carmen Becerril. Directora xeral de Política Enerxética no Ministerio de Economía, como tal intercambiou unha interesantísima correspondencia con Guillermo Grandío e Ángel del Real, sucesores de Romero no porto ferrolán en 2001 e 2004 respectivamente. Nunca conseguiu o seu propósito: que a informasen "explicitamente" sobre as condicións de seguridade no tráfico de gaseiros na ría e sobre o cumprimento da norma UNE-EN-1532, que regula a saída destes buques ao mar en caso de emerxencia. A última resposta, a definitiva, foi un "informa favorabelmente" suxeito a 21 condicións. Cando menos, tivo interlocutores, non como o informe do Estado Maior da Zona Marítima do Cantábrico que Defensa meteu nunha gabeta en 1999 e para sempre. Advertía de que a planta afectaba á zona de seguridade do Arsenal e aconsellaba levala a Cabo Prioriño. O almirante xefe Rafael de Morales pasou á reserva nove meses despois de asinalo.

O conflito, porén, non é novo para Luz Marina, a presidenta da asociación veciñal de Meá, en Mugardos. Tampouco para os seus veciños Manuel Pena e José Pereira. Os tanques de Reganosa, dous impresionantes cilindros de 50 metros de altura e 80 de diámetro que xuntos poden almacenar 300.000 m3 de GNL, están a cen metros das súas casas. Eles néganse a vender, como fixeron Elena Rei e outras seis familias da contorna "por se había expropiacións", mais tamén se negan a pasar o resto da súa vida "a carón dunha ameaza". Teñen medo e téñeno á porta. Talvez por iso fican indiferentes cando len que hai outras cinco plantas semellantes no territorio español a menos de dous quilómetros das vivendas, como explicaba La Voz de Galicia o pasado 5 de xuño e como referendaba, pouco despois, o semanario A Nosa Terra. Os males de Cartagena non consolan a esta xente, e nin sequera a perspectiva é a mesma aos dous lados da estrada que baixa de Meá a Mugardos. A catro pasos da casa de Luz, seguindo o trazado imaxinario do gasoduto que atravesa baixo terra o seu xardín, onde antes vivía Elena e agora hai un cartel de Reganosa que prohibe o paso, as cousas vense doutro xeito.

Son seguras as plantas regasificadoras?

O presidente de Reganosa, Félix Alonso, recoñece que a planta non debera estar onde está senón no porto exterior de Cabo Prioriño, onde a quería instalar Enagás a principios dos noventa, cando era unha empresa pública. Con todo, defende que mesmo no seu actual emprazamento é "totalmente segura". Díxoo en maio na TVG, nunha entrevista que agora lle nega a TEMPOS Novos. A Xunta tamén o cre. Acredita publicamente na seguranza da regasificadora, e faino ademais como administración e como accionista. Talvez por iso o conselleiro Méndez Romeu, como presidente da comisión galega de Protección Civil, deu luz verde ao seu plan de emerxencia exterior, un documento que limita a un radio de 400 metros os efectos nocivos dun posíbel accidente e renuncia a delimitar unha zona de exclusión, sen vivendas, no seu perímetro. É un dos últimos requirimentos administrativos. Unha vez homologado pola comisión nacional do mesmo organismo e aprobado de volta no Consello da Xunta, o Ministerio de Economía poderá autorizar a entrada en funcionamento definitiva de Reganosa.

É obvio que os datos que manexan os que viven a carón dos tanques, coma o resto do Comité Cidadán de Emerxencia (CCE) que coordina Carmelo Teixeiro, principal fronte de oposición á planta, son ben distintos. Saben que non están diante dun problema exclusivo da comarca de Ferrolterra, que hai un feixe de infraestruturas semellantes en todo o mundo e que dende 1959 máis de 40.000 buques navegaron dun continente a outro cargados de gas, mais tamén por iso saben que a oposición é global. Só en 2001 e sen saírmos da área de influencia dos Estados Unidos, segundo Greenpeace, sete proxectos foron desbotados. Un deles, o de Mobile, en Alabama, porque se probou que un accidente podía causar perdas humanas nun radio de 3,3 quilómetros.

O gas non sempre é seguro e iso sábeno de primeira man os directivos de Sonatrach que sentan no consello de administración de Reganosa. Hai só tres anos, unha das súas plantas, a de Skikda, en Alxeria, sufriu un accidente que deixou 23 mortos, 70 feridos e sete desaparecidos. As hemerotecas están aí. Dende 1944, cando 128 pioneiros perderon a vida en Cleveland, a seguranza coñeceu máis excepcións. Talvez non fosen moitas, mais foron abondo para un cumprido mangado de necrolóxicas. Até 2.300 é quen de sumar de memoria Carlos Lareo, comisionado de catástrofes do 061 en Ferrol, mentres repasa a lista negra: Chiapas, Sidney, Savannah, Alxeria, Venezuela, San Juan Ixhuatepec, Quang Ninh, Tabasco, Shandong, Colombia, Nairobi, Bélxica, Novo México e Baviera, en Alemaña, o máis recente que recorda, tres mortos o ano pasado.

Que pode acontecer nun accidente con GNL?

"Reganosa é a maior ameaza que existe hoxe en Europa, un risco innecesario", asegura Lareo. "En caso de accidente, os servizos de emerxencia non poderiamos facer nada, non temos capacidade", explica, e non é o único que o cre. Coma el pensan os outros 109 profesionais, bombeiros e membros de Protección Civil de Ferrolterra, que o ano pasado asinaron un manifesto contra a regasificadora. Para máis, as consecuencias dun sinistro con GNL non están aínda moi claras, nin sequera para os expertos consultados en febreiro pola General Accounting Office (GAO), brazo de investigación técnica do Congreso norteamericano. Nun informe que ten moito que ver coa sospeita de que estas instalacións poidan ser obxectivo terrorista, este organismo recoñece que apenas existen datos científicos precisos, porque os que hai proceden de simulacións informáticas precarias ou son o resultado de experimentos con cantidades moi pequenas. O que si semella probado, porén, é que 30 segundos de exposición á calor que produce un incendio de GNL abondan para provocar queimaduras de segundo grao nun radio de 2,1 km. Esa é a "zona de exclusión térmica", como se denomina tecnicamente, para unha fuga de 37.500 m3, unha oitava parte do que se pode almacenar en Punta Promontoiro.

O lume de gas natural é máis quente que o do fuel e acada os 200 kW/m2, unha calor dez veces maior que a que desprenden as lapas do aceite. Moito, se temos en conta que un fluxo de 12,5 kW/m2 fai arder a madeira en dez minutos e que outro de 37,5 kW/m2, no mesmo intervalo, dana a estrutura do aceiro. É certo que o GNL non é inflamábel en estado líquido, que é como se transporta, a 162 graos centígrados baixo cero, mais cando sube a temperatura e vira gas, como resultado do propio funcionamento da planta ou por contacto co aire, logo dunha fuga, si que pode arder. Evidentemente, isto non ten por que acontecer en Reganosa, mais é un risco potencial tan verosímil como a asfixia ou a conxelación. E por iso, nestes casos, cómpre tomar todas as precaucións.

O difícil é precisar cales deben ser as medidas, porque hai tantas diverxencias entre os académicos como entre as consultoras técnicas. Ao ver do profesor Jerry Havens, da Universidade de Arkansas, habería que construír estas estacións lonxe da poboación, entre 3 e 5,5 km, mentres que para James Fay, docente no prestixioso Instituto Tecnolóxico de Masachussets (MIT), abonda con deixar 1.600 metros entre os tanques e as vivendas. Nin sequera hai avinza sobre o comportamento físico do GNL. Sandia National Laboratories asegura que a dispersión do gas ten un alcance máximo de 2.450 metros e que a partir de aí non hai risco de deflagración, mais ABS Consulting eleva esa distancia até os 4.000 metros. Esa variación pódese traducir en miles de persoas.

Cal é a distancia mínima de seguridade?

As distancias mínimas varían moito dunha lexislación á outra. O estado de California, por caso, estableceu en 1977 un estrito sistema de densidades poboacionais máximas na contorna das plantas, e por iso a meirande parte das empresas prefiren o solo mexicano, onde a lei é máis permisiva. Porén, tamén nos EUA hai casos menos restritivos. O de Boston é ben curioso. Alí a regasificadora está a 850 metros da poboación, mais conta a cambio cun forte dispositivo de prevención que pode dar idea do perigosa que é esta actividade: os buques gaseiros entran na baía fortemente escoltados polas forzas de seguridade e durante a operación, que dura entre 24 e 30 horas, as autoridades pechan ao tráfico o aeroporto local de Logan. Por que? Porque como acontece aquí con Alvedro, o peirao onde se descarga o gas está situado na ruta de aproximación dos avións.

De empregar a zona de exclusión térmica proposta pola Universidade de Las Palmas en previsión dun vertido de 30.000 m3 de GNL, un radio de 2,2 km arredor da terminal, habería que realoxar a máis de 20.000 persoas en Ferrolterra. De feito, segundo Manuel Afonso, profesor de Plataformas Off-shore na Universidade da Coruña, chegaría con aplicar o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas (RAMINP), vixente no ordenamento xurídico español, para tombar a planta de Punta Promontoiro. "Esta norma", explica, "esixe que as industrias perigosas se empracen, como mínimo, a 2 km da poboación máis próxima". Lembremos que Reganosa está a 100 metros do Penedo, 200 da Pedreira, 800 de Mugardos e 1,3 km de Ferrol.

Fontes da empresa e do goberno nacionalista de Mugardos negan que o Raminp sexa aplicábel e din que se limita ás industrias fabrís, mais Afonso apón que o Tribunal Supremo demostrou en 2001 que si pode selo nunha sentenza sobre a depuradora de Aranda de Duero. Ademais, segue o profesor, hai outra lei que obriga a respectar estes 2 km de seguridade. É o Real Decreto 948/2005, transposición da Directiva Europea 96/82/CE, máis coñecida como Lei Seveso III. Esta ferramenta, elaborada na UE a raíz do desastre químico de Seveso, en Italia, somete ao poder político a un procedemento moi restritivo na situación destas instalacións. O Land Use Planning (LUP), como se denomina, vén a dicir que se existe unha lexislación nacional específica para as industrias perigosas, como o RAMINP, hai que aplicala forzosamente, e que se non a hai, o preceptivo é facer unha Análise Cuantitativa de Riscos (ACR) e axustar os planos urbanísticos a eses resultados. Reganosa non cumpre ningún deses dous supostos.

A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 122, xullo de 2007)


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un dos tanques de Reganosa, en Punta Promontoiro, a menos de 100 metros da finca de Luz Marina, presidenta da asociación vecinal de Meá
Un dos tanques de Reganosa, en Punta Promontoiro, a menos de 100 metros da finca de Luz Marina, presidenta da asociación vecinal de Meá
Instalacións de Reganosa, vistas dende Ferrol
Instalacións de Reganosa, vistas dende Ferrol